O Partido Popular tivo toda a campaña electoral para apuntarse un tanto e anunciar a derrogación dos recortes aos empregados/as públicos/as da Xunta de Galiza. O autobombo sobre as mellores perspectivas a nivel do Estado Español foron acompañadas de declaracións da Conselleira de Facenda, Rueda e Feijoo sobre o crecemento do PIB galego do 1,2%, por riba das expectativas, do cumprimento da consolidación fiscal e do equilibrio orzamentario, así como do descenso da débeda pública en relación ao PIB. Todo isto implica ademais, un incremento dos ingresos sobre o reflectido nos Orzamentos da Comunidade.

Eran precisamente os argumentos contrarios os que se utilizaron para xustificar os recortes, que ademais tiñan a consideración de “temporais” e “revisábeis” segundo a Disposición Final Única da Lei 1/2012 de medidas temporais en determinadas materias de emprego público, “en función da evolución do PIB real de Galiza e do aforro primario nos Orzamentos”.

Galiza é, hoxe por hoxe, unha das poucas Comunidades que mantén o recorte salarial ao seu persoal, e mesmo Feijoo, anunciou en pleno mes de marzo que esta inxustiza se ía manter no ano 2015. E o Director Xeral da Función Pública, ven de reafirmarse hoxe mesmo (23 de maio), en declaracións aos medios, en que non se modificarán os recortes.

Resulta unha perversión facer alarde dunha proxección macroeconómica positiva coa xustificación do mantemento dos recortes practicados na Xunta de Galiza aos/as empregados/as públicos/as galegos/as.

A Lei 1/2012 de medidas temporais en determinadas materias de emprego público, que constitúe a columna vertebral do paquete de recortes da Xunta e que recortou dereitos e retribucións aos empregados públicos, onde vimos como o noso salario se rebaixaba a niveis do ano 2007, xunto coa reducción e despedimentos de persoal, se xustificaba polos malos datos económicos do país e coa reducción de ingresos da Administración da Xunta.

Dende a CIG-Autonómica esiximos a derrogación inmediata da Lei de Medidas e de todos os recortes que a acompañan.

E facemos un chamamento a todos/as os/as empregados/as públicos/as da Xunta de Galiza, á reflexionar sobre o sentido do voto nas Eleccións ao Parlamento Europeo do 25 de maio. Apoiar a quen mantén os recortes é UN SUICIDIO.