Nun feito insólito na Administración da Xunta, a Axencia para a Modernización Tecnológica de Galiza, acaba de comunicarlle ao persoal funcionario que concursou que vai permanecer “onde estaba”, todo isto despois da falta de mobilidade destas escalas e de estar esperando moita xente durante anos o poder achegarse ás súas localidades.

Esta chulería non ten precedentes dentro desta Administración, e constitúe un feito arbitrario do que imos esixir responsabilidades, tanto a AMTEGA como a Función Pública.

A AMTEGA entende que o concurso só sirve para botar ao persoal interino que ocupaba os postos ofertados no concurso, e ao mesmo tempo para impedir o dereito de mobilidade dos/as funcionarios/as públicos/as.

Se isto o aderezamos con dous ingredientes moi do gusto desta Administración, como son o darlle solución a varios casos particulares de amiguetes que se ven desprazados, por unha banda, e xustificar que ao saltar o persoal interino teñen a desculpa perfecta para privatizar certos servizos, contratando varias empresas externas para o CAU (Centro de Atención de Usuarios), por outra, pois xa temos o prato ao gusto destes caciques.

Repetición da xogada perfecta:

  • O persoal funcionario concursa e salta o persoal interino (Efecto aforro e, ao tempo, destrucción de emprego público)
  • O persoal que concursa non se move do seu posto  porque á AMTEGA “failles falta alí”. (Efecto mobilidade virtual)
  • A uns amiguetes que lles saíu mal isto do concurso, resolvémoslle a situación (Efecto Gurtel)
  • Aproveitamos que os servizos non se prestan porque os/as interinos/as saltaron e os/as funcionarios/as non ocupan os seus postos para contratar empresas de colegas para o CAU (Efecto sobre ou efecto Bárcenas)