A CIG ven de presentar, unha vez máis, escrito dirixido á Dirección Xeral da Función Pública no que solicita a convocatoria urxente da comisión de seguimento do Acordo para a ordenación e mellora da prestación dos servizos veterinarios oficiais no ámbito da Xunta de Galiza do 31 de outubro de 2008, co fin de tratar todos os problemas pendentes, e a aplicación de partes do acordo que inda faltan.

A reiterada pretensión do sindicato é concretar, entre outras: o borrador do decreto de funcións (para o que xa houbo varias xuntanzas pero quedou esquecido nun caixón); as condicións de traballo dos veterinarios/as dependentes da subdirección de gardacostas (tamén tratado anteriormente, e tamén adiado); problemática das quendas de traballo programadas en medio rural e sanidade en festivos e domingos.