Estamos coa campaña de incendios forestais a piques de comezar e o goberno central xa está a publicitar nos medios de comunicación o “Todos contra el fuego”, namentres a Xunta de Galicia anuncia a bombo e platillo as súas mentiras de costume.

Pero cal é a realidade, pois peor ca de anos pasados.

1.- Non se cobren as prazas no Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais da Xunta de Galicia (SPDCIF).

2.- Trampéanse as cifras dos efectivos, incluíndo ao persoal contratado con métodos electoralistas, ou dando datos do número de brigadas do SPDCIF que van ao lume, pero non dicindo que os integrantes das mesmas deberían ser 5, e en cambio teñen de media 2 – 3 integrantes.

3.- Péchanse as torres de vixilancia fixa, despois de gastar miles de euros dos cidadáns galegos en arranxalas, alegando que non son efectivas; pero logo acoden aos voluntarios e as asociación de radioaficionados para que ocupen os postos destes traballadores.

4.- Deixan ao SPDCIF con camións antigos e obsoletos, que “caen a cachos” debido ao número de anos, quilómetros e horas de traballo que teñen enriba, pero en cambio mercan novos camións autobombas para os Concellos.

5.- E para rematar esta privatización encuberta, as brigadas helitransportadas da Xunta (O Campiño, Marroxo e Vilamaior), están sen helicóptero desde o día 15 de maio, porque unha empresa privada cuxo contrato denunciamos ante a fiscalía por entender que se trata dun tema de prevaricación, con persoal escollido a dedo, está a desenvolver este traballo grazas a un contrato millonario co erario público.

Os traballadores do SPDCIF son os que maior número de lumes extingue ao ano, superando en número ao resto do Estado español, recibindo incluso recoñecementos como o premio “Batefuego de Oro” no ano 2005 pola súa labor coma “mellor extinción” a brigada do Campiño, que ademais conta con recoñecemento internacional.

Desde a CIG denunciamos esta situación de desmantelamento dun servizo público fundamental, e reclamamos que estes traballadores conten cos medios adecuados para a defensa dos nosos montes sen que nos saia máis caro as/aos galegas/os.