Novas por contido

A CIG reclama unha revisión a fondo das bases da promoción interna. Critica o endurecemento das probas ao achegalas ás de acceso libre e o desequilibrio que produce a favor de quen estivo ou está en posto de libre designación.

"Cada un conta da feira, asegún lle foi nela". Este refrán expresa a dificultade de satisfacer os intereses ou desexos de todo o persoal interesado na promoción interna. Por riba, está a vontade dos responsábeis políticos da Administración, que deseñan un sistema que desequilibra, en exceso, determinadas circunstancias.

Temos de prazo ata o venres 11 para presentar alegacións, e inda que xa levamos escritas 13 páxinas, seguimos abertos a calquer achega que queiras facernos ao noso correo de contacto, autonomica@cigadmon.gal. Alegamos a moitas cousas: taxas, requisitos, idioma, listaxes de admitidos/excluidos, temarios, tribunais, destino, notas de corte, anuncios, datas, formación, tipo de probas, .. Vamos expoñer algunhas ideas xeralistas:

  • Os funcionarios e funcionarias de administración xeral puidemos participar nas promocións internas ás escalas da administración xeral e á administración especial. Por coherencia, e por reciprocidade, defendemos que para nestes procesos poidan participar os funcionariso e funcionarias das escalas e da administración especial.
  • O tipo de probas debe revisarse para ser máis simples e obxectivas. Recoñecemos que nos grupos máis altos pode ser necesario demostrar unha correcta redacción en canto a que é posíbel que teñan que elaborar resolucións, informes.. Pero tamén é certo que a valoración dese tipo de probas que supoñen redacción (temas e supostos prácticos de desenvolvemento escrito) son difíciles de valorar con obxectividade. Por tanto, a CIG pretende a eliminación das probas de desenvolvemento de temas, e a substitución dos supostos prácticos escritos por supostos prácticos de respostas alternativas. En canto a C2, pensamos que abondaría cunha soa proba, a informática, e cun único paquete de ofimática (nosoutros apostamos polo software libre, é dicir, LibreOffice, que non supón custe para quen o use, pero se a Administración quere manter o paquete de Microsoft, demandamos que facilite unha licencia de uso, pois non é un paquete precisamente barato). Caso de non aceptarse unha redución ou cambio no tipo de probas, defendemos que as máis obxectivas (respostas alternativas), teñan moita máis puntuación que as subxectivas (desenvolvemento escrito).
  • En canto ao idioma, entendemos que o empregado público debe demostrar a súa capacitación para dirixirse e así respetar os dereitos linguisticos dos cidadáns, e precisamente non está garantido o dominio da lingua propia de Galiza. Ao tempo, non estamos conformes coa exención da proba de galego por ter un título, do mesmo xeito que non se exime do temario de dereito a quen acredita un título nesa licenciatura. Propomos a eliminación da proba de galego e que no seu lugar os demáis exercicios sexan feitos en galego, como solución para garantir a demostración da capacitación linguistica e ao tempo simplificar as probas.
  • O deseño da fase de concurso e o equilibrio entre os distintos conceptos que contempla, prima, en exceso, determinadas circunstancias. Aquí atopamonos ante o principal punto de desencontro entre os distintos intereses personais: non queren o mesmo quenes teñen moita e pouca antigüidade, nin quenes tiveron ou teñen un posto de libre designación a quen so ascendeu por concurso de traslados. Sendo difícil o equilibrio, estas son as liñas xerais da CIG:

- Defendemos que a antigüidade debe ser o mérito fundamental. Somos conscientes que na nosa Administración houbo menos oportunidades de promoción que noutras, polo que demandamos que a antigüidade na nosa Administración teña un plus de desequilibrio.

- A relación de forzas entre antigüidade, grao e traballo desenvolvido (nivel), beneficia en exceso a quen estivo ou está en posto de libre designación. Un exemplo práctico: un funcionario actualmente de A2, con 5 anos de antigüidade, grao base (16) e que leve tan só un día nun posto de xefatura de servizo, obten a mesma puntuación que un funcionario que leve 17 anos no posto base. Tendo en conta este equilibrio, e que o grao representa a historia profesional mentres que o traballo desenvolvido (nivel) é tan so a circunstancia do momento, a CIG reclama o incremento do peso da antigüidade, a redución de grao, a redución inda maior do nivel, e unha diminución dos incrementos da puntuación para os incrementos de grao e nivel.

- Existe tamén un desequilibrio que é preciso corrixir entre a promoción ascendente dun funcionario e a dun laboral fixo que cambia a funcionario no grupo equivalente: a puntuación do laboral chega a ser ata o dobre que a do funcionario en condicións iguais.

- Rexeitamos valorar aqueles méritos que non puideron ser conseguidos en igualdade de condicións. Así, dunha banda non aceptamos o diploma de directivos, pois só os "sinalados" puideron obtelo, e doutra banda non queremos que se puntuen, ou que se incrementen nunha cantidade menor, aqueles niveis e graos que non puidesen ser obtidos por concurso de traslados.

- Queremos que para a formación se valoren todos os cursos, sen límite de antigüidade, e a puntuación sexa por horas dos cursos en troques de tramos (non é xusto que un curso de 12 horas puntue o mesmo que un de 40h [son 28 horas máis]).

  • Para unha promoción interna, reclamamos a redución do temario. Ao tempo queremos unha edición pola EGAP das materias que non levan referencia normativa (A1, parte específica, e A2).
  • A nota de corte non debe quedar ao libre albedrio do Tribunal. Temos visto exames moi difíciles que non hai maneira de superar quedando prazas desertas, e temos visto exames moi doados que supera case todo o mundo. Sexa como sexa, cabe a posibilidade de que a relación entre fase de oposición e fase de concurso quede alterada por decisións do Tribunal. Queremos, xa que logo, que as bases regulen o corte, mediante un equilibrio entre o número de aprobados por praza en cada exercicio e un mínimo de acertos por exercicio.

As nosas alegacións, que inda están no forno, son moitas máis, e afectan a unha importante variedade de aspectos das bases. Mentres tanto queremos agradecer as achegas que nos fixeron varios centos de compañeiros e compañeiras. Os correos que recibimos na nosa conta institucional, autonomica@cigadmon.gal, foron reenviados e estudados. Polo importante número de correos foinos imposíbel respostalos individualmente.

Se queres, inda podes enviarnos a túa achega a autonomica@cigadmon.gal

Outras novas recentes

Mércores, 20 Marzo 2024

Procedemento de acreditación dos méritos do concurso-oposición de estabilización dos subgrupos A1, A2, C1 e C2 e grupos I, III e IV

No DOG do 20/03/2024 publican: - RESOLUCIÓN do 13 de marzo de 2024, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai público o procedemento para a acreditación dos méritos de determinados procesos selectivos extraordinarios de estabilización derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de...
Xoves, 21 Marzo 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Política Social

Riscos para a saúde moi elevados nas escolas infantís O venres tivo lugar unha nova xuntanza do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Política Social, no que estaban presentes os representantes das consellería de política social, servizo de prevención propio da Xunta, servizo de prevención alleo (Qualtis), representantes do Consorcio e delegadas e delegados de prevención...
Luns, 18 Marzo 2024

A CIG solicita que se volva a abrir o buzón de postos do concurso de corpos especiais

Despois dun breve prazo para formular alegacións, Función Pública pechou o buzón sen responder a máis da metade das alegacións sobre os postos. De todas as alegacións formuladas pola CiG en relación aos postos do concurso de traslados de corpos especiais (inclusións, exclusións, etc) de máis da metade non temos resposta. Hai que facer constar que cando nós alegamos por ter...