O luns 21 de xullo tivemos unha xuntanza con responsábeis de AMTEGA para falarmos das instrucións dadas pola axencia respecto do persoal que obtivo destino no último concurso de traslados e posterior eleición de destino definitivo dos tres corpos da escala informática.

A CIG solicitara unha xuntanza con Función Pública, pero foi AMTEGA quen nos citou. Precisamente este feito motivou a primeira intervención da CIG: entendemos que é Función Pública quen debe dispoñer que cada quen vaia ao seu posto, quedando AMTEGA a disposición do que indique Función Pública. Inda así, acudimos a xuntanza a escoitar e expoñerlle a nosa visión.

O problema xurde dunha instrución de AMTEGA na que indica que o persoal que obeña posto non cambie de área, o que vai unido á realidade de que hai xente que cambiou de localidade e permanece na mesma, cambiou de nivel e mantén as tarefas, cambiou de posto dentro dunha localidade (incluindo a postos que dan servizo a outras consellarías) e segue na mesma mesa.

Os responsábeis de AMTEGA non aceptan que actuaran mal. Parten dos principios de que como non teñen RPT, todos os postos dependen da dirección da axencia e por tanto non existen centros de destino diferentes. Aseguran que respetaron as localidades, inda que non así as ubicacións dentro dunha localidade. Aceptan que poida haber algún traballador/a fora do posto e din que van revisalo. Afirman tamén que non houbo queixa de ningún traballador.

A CIG non comparte, para nada, esa satisfacción de AMTEGA:

  • Se non teñen RPT foi porque non lles deu a gana, pois tiveron tres anos para facela.
  • A xente que concursou optou a uns postos cunhas características determinadas. Algunhas evidentes, como son a consellaría á que prestaban servizo e localidade.
  • Unha vez que gastaron os puntos de parmanencia no posto encóntranse que é como se non concursaran.
  • Se teñen problemas nalgún posto en concreto, teñen a opción de retelos durante un máximo de tres meses, e por escrito.
  • Hai xente que non concursou por non moverse da localidade. De saber que podería non afectarlles, é posíbel que concursaran.

En definitiva, a CIG reclama que cada quen vaia ao posto que lle corresponde segundo as características que tiñan na data de publicación do concurso. O mesmo para o persoal de destino definitivo. Unha vez feito esto, falemos da RPT. De non facelo, iremos ao xulgado.

Para rematar, fixamos data para unha primeira xuntanza pola RPT da axencia: 31 de xullo. Pero quede claro que se pretenden deixar as cousas como están adaptando a RPT sen máis, será a xustiza quen decida.