Na Mesa Xeral do 29/07/2014 tratamos as instrucións á Orde de horario, flexibilidade e teletraballo. A CIG mantivo as súas alegacións presentadas por escrito e tratadas na xuntanza previa. De entre os numerosos aspectos alegados, destacamos algúns deles:

  • Instamos á modificación dos elementos da orde que consideramos contrarios á Lei de igualdade referentes á flexibilidade familiar, polo que presentamos recurso contencioso-administrativo con data de 27/02/2014 contra a Orde do 20 de decembro de 2013. Denunciamos o intento burdo de cambiar a lei de igualdade no aspecto da flexibilidade familiar a través dunhas instrucións (se pretenden cambiar a Lei, que o leven ao Parlamento).
  • Cremos necesario establecer unha flexibilidade realmente automático e que posibilite a compensación do tempo realizado en exceso para o mes seguinte.
  • Queremos copia dos escritos que presenten os traballadores/as diante da comisión de seguimento para así estudalos e tratalos correctamente con coñecemento sindical.
  • Implantación da administración electrónica para os procedementos relacionados con estas instrucións (solicitudes, informes, resolución, notificación..).
  • Solicitamos a publicación das instrucións no DOG.
  • Queremos que recollan nas instrucións os criterios de aplicación da flexibilidade horaria e, en xeral, da fichaxe co sistema Kronos aos postos que prestan servizo fora do centro de traballo.
  • Pedimos informe da Asesoría da Xunta sobre a compatibilidade do traballo por obxectivos e a obrigatoriedade das 37,5 horas semanais ditadas pola Lei 1/2012. 
  • No caso de se establecer teletraballo por obxectivos, demandamos negociación coas organizacións sindicais dos criterios para establecer ditos obxectivos.
  • Demandamos a xeralización para todo o persoal, funcionario e laboral, da xornada de verán ou compensación en caso de imposibilidade.
  • Mantemos as nosas alegacións escritas.

As persoas responsábeis políticas da Administración afirman que fixeron o esforzo de consensuar e concretar. Recoñecemos a boa disposición da administración a discutir, pero inda hai moitas cousas que afiar (por exemplo, os aspectos que motivaron a demanda xudicial da CIG).

Para rematar, van estudar a posibilidade de facilitarnos máis datos do teletraballo (denominación dos postos, motivo da denegación), e van revisar aquelas solicitudes denegadas por non ter o Kronos (que deixará de ser motivo de denegación para o teletraballo). Tamén van estudar a regulación do horario de verán, de cara a unhas futuras instrucións.