Novas por contido

Desde a CIG facemos un chamamento a participar activamente nas concentracións convocadas para mañá xoves 31 de xullo en distintos puntos do país, contra a violencia machista, logo de coñecermos o asasinato da galega Sara Fernández Camiña a mans do seu marido en Pazos de Borbén.

Seis galegas mortas no que vai de ano. Non podemos ficar impasíbeis ante esta situación, por iso, a CIG fai un chamamento a participar activamente nos actos convocados para amosar a repulsa ante este feminicidio.

CONCENTRACIÓNS CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA xoves 31 de xullo de 2014:

  • Compostela: Porta do Camiño, 20 horas
  • Vigo: no Marco, 20 horas
  • Ferrol: Praza do Concello, 20 horas
  • Ourense: 20 h na Subdelegación do Governo
  • A Coruña: Obelisco, ás 20 h

A concentración debe ser tamén unha denuncia á pasividade do goberno da Xunta de Galiza e do goberno do estado español ante as mortes, que máis aló dos minutos de silencio institucional, non son quen de garantir a seguridade ás mulleres que denuncian, evitando que o maltratador se achegue ás vítimas (incluíndo como tales aos fillos e fillas), de facilitar que denuncien as que aínda non foron quen de dar o paso, tramitando as axudas económicas desde o momento no que se solicitan (e non durante uns meses ao ano), e facendo un seguimento real de todo o proceso desde que se produce a denuncia até que se dita sentenza (e mesmo despois).

Uns gobernos que gastan cartos públicos en entidades ultraconservadoras, que lexislan contra os dereitos das mulleres, que pretenden impedirlles que poidan ter dereito sobre os seus propios corpos, decidir sobre a súa maternidade, que recortan en servizos públicos, sociais e de saúde, que soben as taxas para acceder á xustiza, no canto de dotar de orzamentos suficientes ás políticas de igualdade e ás de prevención e actuación en violencia de xénero.

Tamén denunciamos o tratamento informativo que, por ter como protagonistas ás mulleres, se lles dá as mortas, de xeito diferente ao de calquera outro asasinato, buscando a xustificación nas condutas dos asasinos que non se buscan noutros casos, denominando "violencia doméstica" cando deberan definila como o que é: violencia de xénero, violencia contra as mulleres, en definitiva, terrorismo machista.

NINGUNHA AGRESIÓN! NINGUNHA MORTE SEN RESPOSTA!

Outras novas recentes

Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...
Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.
Luns, 15 Abril 2024

O Consorcio ordena facer a programación do período de adaptación... na casa?

A CIG-Autonómica denuncia ante a autoridade laboral a decisión da Xunta e máis do Consorcio de cargar ás traballadoras coas horas de programación sen reducir o horario de atención directa.  O Consorcio impuxo, dentro da xornada de 35 horas semanais, que toda a xornada de traballo fose de atención directa ás crianzas. Esta medida supón un novo atentado contra os servizos...