Despois dos numerosos recortes sufridos en todos os aspectos dos dereitos laborais, unha vez máis a Xustiza vén de recoñecer o dereito a cobrar as rebaixas salariais sufridas polo persoal adscrito á Axencia Galega de Innovación-GAIN e polo persoal do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. Estas sentenzas estiman parcialmente as demandas, no senso de recoñecer a parte devengada entre xaneiro e marzo de 2013, cunha argumentación semellante á das sentenzas sobre a paga extra de 2012.

Sen dúbida esta é unha boa noticia para todo o persoal afectado por esta sentenza, e un moi bo precedente que vai sumarse aos existentes para o persoal da Xunta de Galiza e do resto das Administracións, que é probable que tamén vexan recoñecido o dereito ao cobro da parte proporcional xa devengada.

Trátanse das primeiras sentenzas desta serie de reclamacións. É de esperar que as moitas que temos pendentes sigan o mesmo criterio de conceder o dereito ao cobro da parte proporcional xa devengada. Non obstante, estas novas sentenzas relativas ás rebaixas salariais de 2013 aínda non son firmes, polo que a Xunta de Galiza de momento non vai abonar as cantidades directamente. Previsiblemente, dado que a Xunta de Galiza está a presentar recursos de casación ante este tipo de sentenzas, haberá que agardar a que o Tribunal Supremo resolva.