Cando o martes 30 acudimos á xuntanza convocada polos responsábeis de AMTEGA para discutirmos a súa RPT, atopámonos xa na entrada do edificio ubicado no Gaias cunha anécdota que ben pode representar o que é a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galiza: inmediatamente despois de identificarnos para acceder ás instalacións, os nosos oidos escoitaron a seguinte pregunta: “de que empresa?”.

A frase interrogativa non ten maior importancia, pero confírmanos o que xa sabemos tanto polo que ven os nosos ollos como polo que lemos na plataforma de contratación da Xunta: AMTEGA está repleta de persoal de empresas privadas e de servizos externalizados.

A proposta da RPT vai polo mesmo carreiro: AMTEGA crea postos de estrutura, por riba, e destrue postos por baixo, unha axencia adicada a planificar o que despois xestionan ou executan empresas privadas. A CIG rexeita as amortizacións de postos propios desta axencia que non para de destruir emprego público. Defendemos a recuperación de cantos proxectos sexan posíbeis co necesario incremento do cadro de persoal.

A proposta inclue un posto que será cuberto por concurso específico. Esta figura, que  non deixa de ser unha LD encuberta, está sen desenvolver e, xa que logo, non a aceptamos como forma de provisión.

Defendemos unha administración independente do poder político. Por tanto rexeitamos a cobertura mediante libre designación das xefaturas de servizo (ou de departamento como as chaman en AMTEGA), e evidentemente tamén as seccións.

Outro aspecto moi negativo desta RPT é o exceso de postos dependentes da dirección. Son 139 postos, todos ubicados no Gaias cando a realidade é que unha parte deste persoal van prestar servizo noutras instalacións (San Caetano, San Lázaro, ..), pero ao non constar centro de destino separado do da dirección, ou nen sequera non indicar nada como observación aos postos, teremos ao persoal permanentemente exposto á mobilidade, subsceptíbel de ser premiado ou castigado segundo a dilixencia en traer o café ao xefe. Defendemos que se creen centros de destino separados ou se especifique a ubicación na RPT, e así cando alguén concurse saiba a onde vai.

Son moitos os postos con mérito de “experiencia en..”. Defendemos que estes méritos sexan eliminados e no seu lugar que se preocupen en formar ao persoal a través da EGAP.

Non nos gusta tanta apertura de postos a outras administracións mentres non exista un criterio de reciprocidade.

A proposta da RPT contén moitas máis cousas e na xuntanza tocáronse moitos máis puntos, con CCOO e UGT nunha liña similar á da CIG (do CSIF nada podemos dicir, porque non abriron a boca). Temos de prazo ata o 10 de marzo e haberá unha nova xuntanza para discutir as nosas alegacións. Se tes algo que aportar, contacta connosco en autonomica@cigadmon.gal.