Confírmase o recorte das extras para o 2015.
Aproban, só co voto a favor da Administración, a nova Lei de Función Pública.

Mentras altos cargos da Xunta son citados pola Policía por despilfarrar case o monto total do recortado en axudas a amigos do PP (Operación Zeta) a Xunta anúncianos que non hai cartos e que no 2015 manterán as retribucións recortadas.

Na Mesa Xeral do xoves 16 de outubro veñen de confirmarnos que para o 2015 seguiremos a ter recortadas as pagas extras. Parece que non hai cartos despois dos 20 millóns de euros despilfarrados por golfos que militan no Partido Popular e que recibiron axudas da Consellaría de Traballo, o que supón máis da metade do recorte das extras do persoal funcionario e laboral de Administración Xeral. Isto é só un exemplo pois só en axudas á prensa amiga xa van outros tantos millóns.

Este goberno segue a maltratar aos empregados/as públicos/as galegos/as, cun plus de castigo sobre os doutras Administracións, como a do Estado, que non sofren eses recortes, o cal da a medida da ineptitude e o amiguismo deste goberno. Ademais anuncian que devolverán o que lle obrigan as sentenzas ao respecto da parte devengada da extra de nadal do 2012 en dous anos, mentres que no Estado a recibirán en xaneiro de 2015.

Previa á Mesa Xeral da tarde do xoves houbo unha Comisión de Persoal, onde aprobaron o anteproxecto da Lei de Emprego Público, a nova lei de Función Pública, co noso voto en contra e sen atender a ningunha das alegacións fundamentais da CIG, como o de prohibir o persoal directivo que ven de afora, a avaliación do desempeño, os concursos específicos, a posibilidade de que mermen as retribucións, as comisións permanentes ou o plus dos altos cargos.

E por riba a administración negouse a enviarlle á CIG o texto final do anteproxecto que si lle enviou ao resto dos sindicatos. A CIG entende este feito como unha represalia intolerable por ternos levantado da mesa de negociación e por negarnos a tragar cunha lei nefasta para os empregados/as públicos, en definitiva, por facer o que tiñamos que facer.

Están degradando a Administración, están devaluando a Función Pública, están detraendo cartos das nosas nóminas para pagar favores aos seus amigos empresarios corruptos, aos seus amigos directivos, aos seus altos cargos (co plus) e os seus amigos asesores... e é a nós a quen pretenden avaliar?

Que podemos esperar dun goberno cun Presidente amigo dun narcotraficante.