Máis de 350 axentes facultativos medioambientais reúnense en asamblea xeral para tratar as medidas regresivas da Lei do emprego público de Galiza que pretende impor o goberno do PP.

A Xunta de Galicia ultima o anteproxecto da Lei de Emprego Público de Galicia, onde entre outros graves recortes e retrocesos para o persoal da administración pública, temos que salientar a DEROGACIÓN DA LEI DA ESCALA DE AXENTES FACULTATIVOS MEDIOAMBIENTAIS. Unha lei de función pública, imposta, sen consenso nin negociación real cos representantes dos traballadores na que se pretende rebaixar a titulación mínima esixida para acceder a un posto de Axente Facultativo Medioambiental de Técnico Superior a Técnico Medio na especialidade.

A CIG xunto coas centrais sindicais UGT, CCOO e CSIF e a Asociación Profesional de Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia (APRAFOGA), xuntaron en asemblea xeral este xoves 27 de novembro a máis de 350 axentes medioambientais e axentes forestais para tratar as medidas de acción a tomar ante o ataque que lles supón a futura Lei de Emprego Público de Galicia de non mudarse o actual borrador do Anteproxecto da citada Lei.

Na actualidade, para acceder a un posto deste persoal funcionario é necesario estar en posesión do título de Técnico Superior en Xestión forestal e do Medio Natural, titulación de nivel superior segundo establece o Marco Español de Cualificacións para a Educación Superior.

O Goberno da  Xunta de Galicia, degrada dun plumazo a escala, ao contrario do que fan as demais autonomías, rebaixando o nivel formativo co que se accede a un posto de Axente Facultativo Medioambiental e Axentes Forestais na futura  Lei de Emprego Público de Galicia, de xeito que se podería chegar a acceder ao desempeño de esta profesión sen unha formación específica previa.

En consecuencia, os cidadáns que se estiveron formando para acadar a titulación de Técnico Superior en Xestión forestal e do Medio Natural e presentarse ás oposicións quedan descolocados xa que o estudo desta titulación deixa de ter sentido e as catro escolas adicadas a esta formación existentes en Galiza teñen un futuro incerto.

De reducirse a titulación requirida para os axentes facultativos medioambientais rebaixase a cualificación de toda a escala, polo que dificilmente poderá este colectivo realizar as funcións e cometidos que esta exercendo na actualidade.

Malograr as escalas de funcionarios e o servizo público é o primeiro paso para xustificar a externalización e privatización, eliminando a independencia dun sector estratéxico para o país como é o forestal e o medioambiental.

A rebaixa da titulación se da dentro dun marco político centralizador onde os corpos e forzas de seguridade do estado estan asumindo as competencias galegas en materia de protección do medio ambiente establecendo un conflicto competencial no que Galiza esta perdendo.

Polo que, ESIXIMOS que se modifique, antes do seu trámite parlamentario, o actual borrador do anteproxecto de Lei de Emprego de Emprego Público de Galicia, e non se derogue a lei 2/2000 de creación da escala de axentes facultativos medioambientais onde a titulación mínima requirida para o acceso é a de   Técnico Superior en Xestión Forestal e do Medio Natural.

Seguindo coa campaña de loita temos programado un calendario de mobilizacións e, o vindeiro xoves 11 de decembro ás 11:30h sairemos dende San Lázaro ata San Caetano nunha MANIFESTACIÓN en defensa d@s Axentes encargados do coidado e custodia do patrimonio natural e forestal da nosa patria.