Ao longo dos últimos anos estamos a ver como de xeito implacable se están a desmantelar os servizos públicos galegos e especificamente os relacionados coa protección do medio natural e forestal. Os perto de 550 axentes forestais e medioambientais da Xunta de Galicia están espallados polo territorio coas competencias relativas ao control e xestión dos espazos naturais e deben ser os garantistas da biodiversidade e do crecemento forestal sostible no rural.

As recentes normativas galegas, como a lei de montes ou a lei de caza, eliminan a tutela pública dos montes veciñais en man común e a característica social dos espazos, así mesmo permiten trasladar as competencias de control cara os corpos e forzas de seguridade do estado. Ao mesmo tempo observamos como mentres se desmantela de xeito efectivo aos axentes galegos (falta de cobertura de vacantes, medios materiais escasos e obsoletos...) a Xunta de Galicia inviste en formación e medios nos corpos de seguridade de estado, nun afán centralizador que despreza o Estatuto de Galicia e a soberanía do noso pobo.

Hoxe co anteproxecto de lei emprego público que ultima o goberno do PP dilapídase definitivamente este servizo público xa que derroga a lei da escala de axentes facultativos medioambientais e planea a rebaixa da titulación eliminando incluso a súa especialidade.

Na actualidade, para acceder a un posto deste persoal funcionario é necesario estar en posesión do título de Técnico Superior en Xestión forestal e do Medio Natural, titulación de nivel superior segundo establece o Marco Español de Cualificacións para a Educación Superior. Agora a titulación necesaria proposta sería o Técnico Medio para os axentes f. medioambientais e de ESO para os axentes forestais.

En consecuencia, os cidadáns que se estiveron formando para acadar a titulación de Técnico Superior en Xestión forestal e do Medio Natural e presentarse ás oposicións á axente medioambiental quedan abraiados e o estudo desta titulación deixa de ter sentido e as sete escolas adicadas a esta formación en Galiza teñen un futuro incerto.
De reducirse a titulación requirida para os axentes facultativos medioambientais rebaixase a cualificación de toda a escala, polo que dificilmente poderá este colectivo realizar as funcións e cometidos que esta exercendo na actualidade. As tarefas de dirección de extinción de incendios, control das subvencións forestais e de outras accións nos espazos naturais, dirección, inspección, informe e asesoramento quedan afectadas polo baixo nivel formativo das escalas.

Malograr as escalas de funcionarios e, en consecuencia o servizo público é o primeiro paso para xustificar a externalización e privatización, eliminando a independencia dun sector estratéxico para o país como é o forestal e o medioambiental.

Non podemos permitir esta modificación normativa que afonda no abandono do medio rural e da multifuncionalidade dos nosos montes e a posibilidade da xestión racional e da conservación do espazo natural galego.

Polo que, esiximos que se modifique o actual borrador do anteproxecto de Lei de Emprego de Emprego Público de Galicia, e non se derrogue a lei 2/2000 de creación da escala de axentes facultativos medioambientais.