O comité intercentros instou unha xuntanza da comisión de seguimento do Acordo de xubilacións parciais que tivo lugar este martes día 10, unha vez que foi coñecedor dunha circular da secretaría xeral técnica da Consellaría de Traballo e Benestar que establece a imposibilidade de chegar a un acordo de xubilación superior ao 50% da xornada de traballo.

Esta decisión da Consellaría altera substancialmente o previsto nas instrucións para o acceso á xubilación parcial anticipada e contrato de remuda xa que anula o caracter negociador das partes obrigadas, xubilado/a e administración, de chegaren a un acordo sobre a redución de xornada e a forma de acumulala.

Función Pública é descoñecedora desta circular e pon moito énfase no caracter negociador das partes para chegar a un acordo de redución da xornada e que, polo que sabe, en todos os expedientes tramitados foi aceptada a vontade do/a xubilado. Función pública falará con Traballo para exixir o caracter negociador ao que están obrigadas as partes.

Dende a CIG anunciamos que se Traballo nega sistematicamente a posibilidade de chegar ao máximo da xubilación parcial, o 75%, estariamos diante dun incumprimento substancial do acordo que posibilitaría a vía xudial de conflicto colectivo.

Por outra banda, dende a CIG denunciamos o incumprimento da instrución cuarta punto 2, no suposto de renuncia do remudista, na que o proceso de selección do seu substituto, pola vía de urxencia, ten que ser directamento polo servizo galego de colocación. O caso é que o servizo de colocación envía unha terna de candidatos/as e a xefatura territorial decide a quen contratar, xa que a oficina de emprego fai unha preselección e a xefatura a selección definitiva. Función pública descoñece a posibilidade de pedir a selección ao servizo de colocación, polo que lle propoñemos que se informe e que no caso de que a oficina de emprego non poida facer a selección directa e sí unha preselección, entón que se decida que a persoa a contratar deberá ser a primeira da terna preseleccionada. Estamos todos de acordo agás unha organización sindical (UXT) que ten que consultar.

Rematada a xuntanza, diante da ausencia de postos que ofertar ao persoal laboral en situación de incapacidade permanente total para o traballo habitual, falase da posibilidade de negociar unha modificación do convenio para poder ofertar o 50% da xornada de xeito que para un mesmo posto poidan vincularse dúas persoas.