Novas por contido

Vicente Pérez Muñuzuri, Director de MeteoGalicia e Subdirector Xeral de Meteoroloxía e Investigación da Xunta de Galicia ven de anunciarlle aos traballadores do servizo meteorolóxico que ten presentado a súa dimisión, que se fará efectiva en canto a Consellería atope un substituto axeitado para o posto.

A principios desta semana a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (CMATI) presentou a súa proposta de modificación da RPT (relación de postos de traballo) na que se propón amortizar 101 prazas de persoal público, (41 delas na Axencia Galega de Infraestruturas) das que 10 actualmente están ocupadas por persoal laboral indefinido, o que supoñerá o despedimento destes empregados públicos, que se concentran especialmente no departamento dirixido por Pérez, xa que a esa subdirección pertencen 6 das persoas afectadas (3 de MeteoGalicia e 3 no Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia, unha delas en Lourizán).

De entre estes despedimentos, 3 corresponden a persoal de MeteoGalicia que veñen a continuar a progresiva redución de efectivos do servizo meteorolóxico galego iniciada no 2011 polo daquela Conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández. Desde entón, MeteoGalicia veu reducida o seu cadro de persoal nun 25% mentres dende o Goberno da Xunta se mantiña que "defenden a súa continuidade" fronte á ameaza de desaparición que supuñan as conclusións da Comisión para a Reforma das Administracións Públicas (CORA) do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

Malia que as tarefas desenvolvidas nos postos que a CMATI propón amortizar van continuar sendo desenvolvidas polo resto do persoal de MeteoGalicia, os traballadores entenden que isto forma parte dun “proceso encuberto de desmantelación” do servizo meteorolóxico, pois “mentres en público a Xunta afirma apostar por MeteoGalicia, seguen sen dotala de estrutura axeitada para o seu funcionamento e seguen despedindo persoal”.

O director dimite e o resto do persoal permanece contratado en fraude de lei

Segundo a proposta da CMATI, estes postos de traballo técnicos eliminados en MeteoGalicia vanse substituir por prazas de xefatura de sección que, segundo lles transmitiu Pérez aos traballadores do servizo meteorolóxico nunha reunión celebrada o mércores "moi probablemente queden vacantes, pois polas súas características dificilmente poderán quedar cubertas". No transcurso desa reunión o director de MeteoGalicia e Subdirector Xeral de Meteoroloxía e Investigación, informou aos traballadores das dificultades do seu traballo pola "enorme desconexión entre a Subdirección Xeral e a Secretaría Xeral da que depende", xa que entre outros asuntos el declaroulles ser descoñecedor desta proposta de eliminación de persoal técnico. Así mesmo, fíxolles saber aos traballadores que esta modificación "non é a que precisa MeteoGalicia e é unha barbaridade", tralo que tamén lles transmitiu que el tiña xa presentada a súa dimisión como Subdirector Xeral á espera de executala mentres a Consellería non atope un substituto para o posto.

Resulta ademais curioso que os 3 traballadores aos que Medio Ambiente propón amortizar agora en MeteoGalicia, xa foron despedidos no 2011 e tiveron que ser readmitidos por sendas sentenzas xudiciais que recoñecían a nulidade dos seus despedimentos pola vulneración de dereitos fundamentais. Ademais, estes 3 traballadores son os únicos do servizo meteorolóxico que actualmente tiñan unha situación laboral legal posto que o resto do cadro de persoal, outras 23 persoas entre as que se atopa a muller de Pérez, están contratadas por Tragsatec o que, ademais de supoñer un custo moito máis elevado para a administración, atópanse nunha situación de fraude de lei segundo veñen afirmando de xeito continuado abondosas sentenzas dos xulgados do social e do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

101 prazas amortizadas, 10 despedimentos en total

O documento remitido esta semana ás organizacións sindicais ten aínda por diante un proceso de varias semanas no que será negociado cos sindicatos, para o que a CMATI convocou a unha primeira reunión o venres 13 de febreiro ás 12:30h, finalmente anulada ante a negativa das organizacións sindicais a despachar esta destrución de emprego nun par de horas.

Haberá unha nova xuntanza en unha ou dúas semanas, para tratar con tempo abondo, a proposta da consellería polo miudo.

Outras novas recentes

Mércores, 24 Abril 2024

Prazas para elección de destino de auxiliares-C2 e administrativos-C1 (24/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos a relación de prazas que teñen previsto ofertar ás persoas que superaron os procesos selectivos de C1-corpo administrativo, e C2-corpo auxiliar: descargar. Xunto coa relación de prazas, vai unha explicación da situación das mesmas. O primeiro que salta á vista é o escaso número de prazas ofertadas.
Luns, 15 Abril 2024

A AGASP e a Dirección Xeral da Defensa do Monte aplican criterios discriminatorios na selección para a formación

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), organismo autónomo de carácter administrativo adscrito organicamente á consellaría competente en materia de interior e xustiza, imparte formación ao persoal axente forestal (art. 4 da Lei 1/2007). A Dirección Xeral de Defensa do Monte, da Consellaría do Medio Rural, participa na organización da formación e nos procesos de...
Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...