Dende o noso sindicato queremos levar a proposta de recoñecemento da categoría de Bombeiro Forestal para o persoal do SPDCIF a todos os grupos parlamentares.

Tal como recoñece o V Convenio Colectivo Único para o Persoal Laboral da Xunta de Galiza, vixente a día de hoxe, concretamente no Acordo de Condicións Especiais de Traballo do Persoal de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais da Xunta de Galiza, no seu punto 3.18, que indica o compromiso de cambio de denominación de categoría ás categoría do SPDCIF

 

de: Peón, Peón condutor, Xefe de cuadrilla, Vixiante móbil e Condutor Motobomba

a: Bombeiros Forestais

Levamos máis de 5 anos esperando este cambio de denominación de categoría, e a Administración segue sen pronunciarse. Pola contra, noutras comunidades como Estremadura e Aragón, recoñécenlle aos traballadores análogos a nós a categoría de Bombeiros Forestais. Todo isto foi publicado no Boletín Oficial de Estremadura, no nº 609, do 12 de setembro de 2014, na resolución 462/VIII a proposta do grupo parlamentar do PSOE co Rexistro de entrada nº 18.280.

Todo isto está baseado no Real Decreto 1591/2010 do 26 de novembro, pola que se aproba a Clasificación Nacional de Ocupacións co nº 5932 – Bombeiro Forestal e nas competencias da comunidade autónoma na citada materia.

Deste xeito, os Bombeiros Forestais no estado teñen recoñecida a categoría mediante o Real Decreto 1591/2010 do 26 de novembro. Alí se propicia esta figura que é moi importante na actualidade, debido ao grande problema que teñen os incendios forestais en todo estado xa que somos un colectivo que desenvolve a súa actividade para o cidadán e o Medio Ambiente, protexendo así as persoas, bens económicos e o medio ambiente.

Aínda que existe a categoría de Bombeiro Forestal, nunca se aplicou na estipulación dos contratos, figurando na maioría deles como Peón de montes, Peón especialista, xa que nas categorías usadas non se define o feito da Extinción de Incendios Forestais e non se recoñece a profesión de risco, nin o dereito a unha enfermidade laboral.

De toda a normativa anterior cabe mencionar que é Comunidade Autónoma quen estende o recoñecemento á categoría profesional de Bombeiro Forestal para adaptación de competencias no entorno laboral.

Se Estremadura, no marco das súas competencias, da un peso legal de recoñecemento da categoría de bombeiro forestal ao persoal que fai labores idénticas ás do persoal do SPDCIF de Galiza, solicitamos que se aplique ao persoal do SPDCIF ese mesmo recoñecemento, baseándonos no R.D. 1921/2010 do 26 de novembro, polo que se aproba a Clasificación Nacional de Ocupacións no nº 5932 – Bombeiro Forestal, ademais do punto 3.18 do Acordo de Condicións Especiais de Traballo do Persoal do SPDCIF da Xunta de Galiza, no V Convenio Colectivo Único do Persoal Laboral. Este recoñecemento considerámolo ademais de legal, moral e xusto.

O SPDCIF leva máis de dúas décadas soportando case a metade dos lumes que se producen no conxunto do estado, concretamente dende o ano 1991 (ano da creación do SPDCIF) e ata o ano 2005 loitamos contra unha media de anual de 10.807 lumes ao ano, mentres que a media de lumes en  Estremadura foi de 1.047 lumes/ano (isto é,o SPDCIF apagou 10 veces máis lumes).

As taxas de eficiencia do SPDCIF galego foron as mellores de todo o estado, cunha superficie media por incendio de 2,8 ha por lume, mentres que por exemplo a taxa de eficacia dos Bombeiros Forestais estremeños foi de 11,04 ha/lume.

Estes datos foron sacados dos informes anuais da Área de Defensa Contra Incendios Forestais (ADCIF) do Ministerio de Medio Ambiente.

Estas taxas de eficacia do SPDCIF Galego conseguíronse cando a porcentaxe do operativo total do SPDCIF era do 80%. A partir do ano 2005 produciuse unha redución considerable de lumes ao ano, cunha media de 4223 lumes/ano ata decembro de 2013, pero a decisión política dos gobernos de reducir o peso do SPDCIF público con respecto ao dispositivo total ata porcentaxes por debaixo do 40% trouxo unha perda de eficacia manifesta cunha media de 6,4H/lume, tendo menos da metade dos lumes.

Por que aportamos estes datos? Para que se poida entender a eficacia e, polo tanto, a profesionalización intrínseca do SPDCIF público galego ante modelos privados.

Dende a CIG creemos que calquera goberno debería estar orgulloso deste persoal e recoñecer a súa labor recoñecéndolle a súa verdadeira categoría profesional que é a que indica o R.D. 1921/2010, isto é, Bombeiro Forestal.

Do mesmo xeito, estes anos de durísima loita contra os incendios forestais salvagardando o patrimonio medioambiental galego da lacra dos lumes, trae consigo un importante desgaste da saúde do persoal. O recoñecemento da categoría de Bombeiro Forestal traería consigo non so o recoñecemento do traballo desenvolvido polo SPDCIF senón que tamén permitiría aplicar o coeficiente legal de redución da idade de xubilación, o cal seria fundamental para salvagardar a saúde dos traballadores do SPDCIF exposta a condicións de dureza e insalubridade terribles provocada polo traballo de extinción de miles de lumes.

Polo tanto, e para conseguir este obxectivo, dende a CIG solicitaremos xuntanzas con todos os grupos parlamentares que nos queiran escoitar para promover que se faga unha proposta de lei que recoñeza de forma definitiva ao persoal do SPDCIF galego como Bombeiros Forestais.