Novas por contido

A CIG-Autonómica vén de presentar ante a fiscalía unha denuncia para que se abra unha investigación polas presuntas filtracións que houbo tanto no exame do C1 como no C2 das últimas oposicións convocadas á Xunta de Galiza. Desde a CIG-Autonómica interprétase que hai indicios suficientes para pensar que se puido ter cometido un delicto e manifestan a súa desconfianza da investigación interna que puxo en marcha a Dirección Xeral da Función Pública.

Antes de tomar esta decisión a CIG-Autonómica instou á función pública a que abrira unha investigación de oficio dentro da propia administración e a que ela mesma presentara perante  a xustiza unha denuncia para aclarar o que aconteceu con estas oposicións. "Ao non facelo consideramos que o noso deber era facelo nós, porque ante todo ten que quedar claro que o acceso á función pública debe ser limpo e rexerse unicamente polos principios de igualdade, mérito e capacidade. Non imos permitir que haxa ningún intento de entrar na administración pública de formas non estabelecidas", explicou o secretario nacional de CIG-Autonómica, Manuel Gallardo Canitrot.

Investigación interna

Respecto da investigación interna, Canitrot puxo en dúbida a súa eficacia porque non se contou coa presenza de ningunha central sindical para participar na comisión encargada de esclarecer os feitos. "Xa denunciamos no mes de xullo que podería haber calquera tipo de filtración ou problema nas oposición porque as centrais sindicais fomos excluídas dos procesos selectivos. Agora topámonos que, por riba, non nos din absolutamente nada do que está a pasar con esta investigación e se negan a acudir ao ministerio fiscal ou á xustiza para que abra unha investigación".

A denuncia presentada

A denuncia presentada sinala que a presunta filtración de exames na primeira das probas do proceso selectivo para o acceso ao subgrupo C1 (corpo administrativo da Administración xeral da Xunta de Galiza) pola quenda de acceso libre (oposición), realizada o 19 de setembro, así como na primeira das probas do proceso selectivo para o acceso ao subgrupo C2 (corpo auxiliar da Administración xeral da Xunta de Galiza) pola quenda de consolidación (concurso-oposición), realizada o día 20 de setembro, poderían ser constitutivos de diversos tipos penais.

Sinálase ademais que "a estrutura das notas resultantes da calificación dos exercicios de oposición indicados pon de manifesto que, no caso da maioría das notas máis altas, estas non obedecen aos coñecementos dos aspirantes, senón á vulneración das normas de obrigado cumprimento dos procesos selectivos, mediante accións dolosas de filtración de documentación".

Para xustificar esta afirmación saliéntase na denuncia que hai coincidencia entre as relacións de parentesco e/ou afinidade e as puntuacións obtidas nos exames. Dáse tamén a casualidade de que entre as cinco persoas coas máximas puntuacións neste exame, tres son irmáns e outro compartía domicilio cunha das aspirantes no momento no que se inscribiron no proceso selectivo.

Estas persoas repiten entre as cualificacións máis altas no exame de oposición para o acceso ao subgrupo C2 e, ademais, hai unha coincidencia da inscrición dos presuntos infractores nos procesos selectivos no prazo extraordinario aberto polo Goberno galego no mes de xullo deste ano, cun tempo de preparación "moitísimo menor que o da maioría dos opositores", que se matricularon no prazo ordinario, en xullo de 2008.

Diante deste feitos, para a CIG-Administración, segundo se recolle na denuncia presentada, "a explicación máis plausible é que unha parte descoñecida lles pasou en algún momento as respostas de ambos os exames". Outra das posíbeis explicacións é que "a filtración procedese directamente dalgúns dos membros dos tribunais cualificadores dos exames de oposición".

Deste xeito, a CIG-Administración solicita do Ministerio Fiscal que se abran dilixencias "para a determinación concreta dos posíbeis ilícitos denunciados, a filtración deliberada dos exames do primeiro exercicio das probas selectivas para o subgrupo C1 e para o subgrupo C2". Inclúen tamén a toma de declaración dos implicados; que se entreguen as actas dos tribunais do C1 e do C2 e os escritos onde os seus membros declaran non estar incursos en causas de abstención e que se aclare se existe ou existiu algunha relación contractual entre a empresa Martínez-Otero Gestión, S.L. e a Administración de Galiza e/ou a Fundación Semana Verde de Silleda. Inclúen no procedemento, tamén, que se tome declaración aos responsábeis da imprenta na que se editaron os exames.

Outras novas recentes

Xoves, 11 Abril 2024

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar incumpre a normativa de conciliación da vida familiar e laboral

O Consorcio introduce unha cláusula nas resolucións de reducións de xornada que impide que o persoal poida desfrutar do dereito á conciliación mentres non se cubra con persoal substituto a franxa horaria na que reduce a xornada. A CIG levamos anos denunciando a situación que se produce na concesións de reducións de xornada por conciliacións, incumprindo o artigo 37.7 do...
Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.
Luns, 15 Abril 2024

A AGASP e a Dirección Xeral da Defensa do Monte aplican criterios discriminatorios na selección para a formación

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), organismo autónomo de carácter administrativo adscrito organicamente á consellaría competente en materia de interior e xustiza, imparte formación ao persoal axente forestal (art. 4 da Lei 1/2007). A Dirección Xeral de Defensa do Monte, da Consellaría do Medio Rural, participa na organización da formación e nos procesos de...