Con motivo da declaración do alto risco de incendios forestais establecido a partir do día 3 de abril de 2015 pola Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes, dende a CIG vimos a esixirlle aos responsábeis da Conselleria do Medio Rural e do Mar, a contratación inmediata do persoal laboral fixo descontinuo de 3 meses, persoal que ven sendo incorporado ao Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais no período de verán.

A CIG ven a esixir a incorporación deste persoal nesta época do ano, por mór da situación extremadamente perigosa na que se atopan os nosos bosques, ollando un escenario no que como consecuencia das altas temperaturas que vamos soportar nestes días, conlevará ter un servizo contra incendios operativo na súa totalidade.

A maiores de demandar a incorporación do persoal fixo descontinuo do verán, a CIG tamén reclama a cobertura de todas as prazas vacantes existentes no propio servizo contra incendios, así como daqueloutras cuxos titulares están na situación de baixa laboral, prazas todas elas que se contan por centos. Pódese comprobar como en distritos forestais como o XVIII. Vigo – Baixo Miño, de catro emisoristas actualmente están traballando dúas, podéndose dar a circunstancia de haber incendios forestais e a base do distrito estar pechada pola falta de persoal.

A CIG ven a reclamar máis medios humanos nesta época do ano para o SPDCIF para que non volvan as imaxes dantescas coma as olladas no lume de Peña Trevinca onde as lapas levaron por diante máis de 350 hectáreas ou o mesmo o lume de Ponteareas, con máis de 200 hectáreas, incendios forestais no que se detectou unha falta de medios humanos importante, para o que os nosos dirixentes da Xunta de Galicia lanzaron un SOS (sinal de socorro) ao propio Ministerio de Medio Ambiente, xa que se miraban incapaces de parar as lapas dos incendios, medios aéreos do ministerio que non veñen ao territorio galego POLA CARA, senón que logo pasan factura.

A Conselleria do Medio Rural e do Mar tendo as competencias en materia forestal, prevención e extinción de incendios forestais, ten a obriga de conquerir que os montes galegos non sufran a lacra dos incendios, para o cál é preciso que o operativo contra incendios, en condicións adversas coma as que temos estes días, estean ao 100% de medios humanos, medios contratados todos eles pola propia Xunta de Galicia.