A execución vai afectar unicamente á persoa interesada.

Con relación ao mandato da sentenza de que se baremen os traballos desenvolvidos non só nos últimos 5 anos senón na totalidade da vida laboral, manifestamos que isto pódese realizar facendo unha ponderación (Base II.4 do Concurso Xeral). Manifestamos que estamos en contra de que se valoren as Comisións de Servizos dentro do tempo traballado, a pesar do que indica a sentenza (Base II.2.B). Faise necesario modificar, polo tanto, a LFPG e o Decreto 93/1991, polo que se aproba o regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, no sentido de excluir nos propios textos legais a posibilidade de que se baremen.

Como medida paliativa habería que modificar as normas sobre as Comisións de Servizos para que se concedan en base a criterios obxectivos. Se así fose, estaríamos ante pequenos concursos con todas as garantías e valoraríamos que se puidese valorar o tempo traballado nelas.

Función Pública insiste na súa idea de facer concursos anuais e de que iso atenuaría os males de baremar as Comisións de Servizos, ao reducirse estas considerablemente.

Compre urxentemente modificar as normas relativas as Comisións de Servizos, que a CIG non asinou por consideralas oscurantistas, garantindo a trasparencia, publicidade e os principios de igualdade, mérito e capacidade, como medida previa a unha posterior modificación normativa e regulamentaria dos concursos de traslados.