A CIG obten un total de 51 delegados/as entre as cinco Xuntas de Persoal

O xoves 16 de abril celebráronse as eleccións ás Xuntas de Persoal Funcionario da Xunta de Galiza nas catro provincias e en Servizos Centrais. A CIG obtén un total de 51 representantes no total da Galiza o que supón un incremento de 9 delegados/as. Estes son os datos desglosados co formato "resultado 2015 (resultado 2011)":

  CIG CSIF CCOO UGT Outros Total
Pontevedra 16 (10) 3 (6) 3 (4) 3 (3) 0 (2) 25 (25)
Servizos centrais 11 (10) 5 (7) 5 (6) 4 (4)   25 (27)
Lugo 10 (8) 6 (7) 3 (4) 4 (4)   23 (23)
A Coruña 10 (8) 5 (7) 6 (5) 4 (3) 0 (2) 25 (25)
Ourense 4 (6) 12 (8) 5 (7) 2 (2)   23 (23)
Total 51 (42) 31 (35) 22 (26) 17 (16)  

121 (123)

 

Estes resultados son mostra da confianza do persoal funcionario da Xunta de Galiza na xestión e traxectoria da CIG e supoñen un voto de castigo ás políticas do Partido Popular en relación á Administración Pública.

Foron estes catro anos duros onde os empregados/as públicos/as se levantaron contra a maior agresión das últimas décadas ao noso colectivo. Catro anos de recortes no emprego, nas retribucións, e nos nosos dereitos, onde se levaron adiante privatizacións e se recortaron os servizos públicos que se prestan aos cidadáns.

A CIG foi a forza sindical que estivo ao lado dos/as funcionarios/as públicos na loita destes catro anos polo que o voto á CIG foi un voto contra os recortes, as privatizacións e contra a xestión en materia de persoal da Xunta de Galiza.

Queremos agradecer a confianza depositada en nós polos funcionarios e funcionarias que optaron por un voto en defensa do Público e da nosa dignidade e dereitos, e que veñen traballando día a día por unha Administración Pública mellor.

A CIG, con este aval renovado, vai seguir no camiño da defensa dos intereses dos empregados/as públicos/as e dunha Administración Pública galega e de calidade. 

Tanto se nos votaches como se non, estamos á túa disposición. Tentaremos non defraudarche.