Novas por contido

As organizacións sindicais xuntámonos co Director Xeral da Función Pública o xoves 7 de maio. Ao día seguinte, venres 8, tivemos unha Mesa Xeral de Empregados Públicos. Os dous días tratamos diversos asuntos que poden ser do teu interese: concurso de traslados de corpos xerais, procesos selectivos (promoción interna, corpos xerais, finanzas), RPT ATRIGA, veterinarios, ..

RPT de ATRIGA

A Axencia Tributaria tiña reservados unha serie de postos para pasar a unha futura escala de axentes tributarias, razón pola que non entraran no anterior concurso de traslados de corpos xerais. A recentemente publicada Lei do Emprego Público non crea a referida escala, e por tanto procede retirarlle a "reserva" ás prazas. A fin de que poidan entrar no inmediato concurso de traslados de corpos xerais, modificase a RPT de ATRIGA:

 

  1. As xefaturas de Negociado, C1-18, pasan a ser Unidades de Apoio Administrativo, C1/C2-18, con mérito “experiencia en materia tributaria”.
  2. Os postos base C1-14, pasan a ser xefaturas de grupo, C1/C2-14. Tamen a estes postos métenlles o mérito “experiencia en materia tributaria”.

Somos conscientes que moitos compañeiros e compañeiras que prestan servizos na ATRIGA estarán conformes con que se manteña a experiencia en materia tributaria; outros/as, preferirían que non se abriran ao grupo C2. Pero, e se as demais consellerías fan o mesmo? Aceptaríamos que Educación incluise en todos os postos dos centros de ensino o mérito "experiencia en xestión de centros", ou Traballo "experiencia en oficinas de emprego", etc? Que ATRIGA inclúa en todos os seus postos o referido mérito, ou que todas as consellerías fixeran o mesmo, perxudica ao conxunto do persoal funcionario, en beneficio das mobilidades internas de cada ente.

Anuncia ATRIGA que nunha futura RPT, teñen intención de abrir algunhas seccións (xefaturas de equipo), que pasarían de estar abertas á escala de finanzas a poder ser cubertas por corpos xerais.

A RPT de ATRIGA vai tratarse na Comisión de Persoal do martes 12 de maio.

RPT DE TRABALLO

Estando en trámite unha modificación da RPT de Traballo que afecta conxuntamente tanto ao persoal funcionario como ao laboral, a Administración e sindicatos pactamos separar esas dúas partes da RPT, co único obxectivo de que poidamos engadir no inmediato concurso de traslados de corpos xerais os postos afectados na modificación da RPT. Esto é, ofrecer os postos de director/a de oficinas de emprego (declaradas de concurso por sentenza xudicial), así como as de nova creación.

Non nos gusta a proposta da RPT, pero aceptamos engadilo de urxencia na Mesa Xeral a fin de que poidan entrar no concurso. A grandes liñas:

  • Estamos conformes co cambio de libre designación a concurso das prazas de director/a das oficinas de emprego.
  • Solicitamos a homologación de niveis de postos similares: director/a de oficina de emprego (unhas teñen nivel 25, e outras 20). Tamén a homologación dos postos de Administrador dos centros de benestar.
  • Retirada de méritos en titulación académica ou experiencia en determinados postos.
  • Non queremos o cambio da forma de provisión de concurso a concurso específico da sección de habilitación de Vigo (proposta aceptada pola consellería).
  • Rexeitamos a destrución de 24 postos de traballo, inda que sexa por adaptación á estrutura para crear 15.
  • Non conformes co cambio de denominación da sección de rexistro de cooperativas da Coruña, porque ten funcións ben definidas, e porque non segue o mesmo criterio das outras tres xefaturas territoriais (proposta aceptada pola consellería).

A RPT de Traballo, parte de funcionarios, vai tratarse na Comisión de Persoal do martes 12.

VETERINARIOS

Din que están a preparar o concurso de veterinarios, polo que traen a modificación da RPT de Sanidade, que consiste na substitución de méritos específicos en tres postos de xeito que así queden todos unificados, para podelos meter no concurso. Segundo o DXFP o concurso está avanzado: podería entrar en Mesa antes do verán, e convocatoria en setembro.

Respecto da RPT de veterinarios, dicimos o mesmo que para ATRIGA: non nos gusta que Sanidade meta un mérito de experiencia en todos os seus postos, o que dificulta que veterinarios doutras consellerías e con formación suficiente (medio ambiente e medio rural), poidan optar aos postos de Sanidade (as outras dúas consellerías poderían facer o mesmo cos seus respectivos postos, o que dificultaría a mobilidade dos funcionarios e funcionarias).

A CIG demanda a convocatoria da comisión de seguimento do acordo dos servizos veterinarios, que xa temos solicitado en numerosas ocasións. Dende o acordo, no ano 2008, nunca se reuniu a comisión de seguimento. Función Pública tenta xustificar que si houbo xuntanzas. A CIG, asinante xunto con UGT do acordo, tanto para o bo como para o malo, demanda a convocatoria da comisión de seguimento. Temos unha chea de asuntos pendentes de concretar, e queremos tratalos: decreto de funcións, condicións de traballo dos veterinarios/as dependentes da subdirección de gardacostas, problemática das quendas de traballo programadas en medio rural e sanidade en domingos e festivos, ..

CONCURSO DE TRASLADOS DE CORPOS XERAIS

Informa o Director de Función Pública que:

  • Teñen a intención de convocar o concurso a semana do 18 de maio.
  • Contan que o prazo para primeira fase do concurso remate polo 10 de xuño, e que o 20 de xuño remate para as resultas, de xeito que antes do verán estea todo solicitado.
  • Di que este vai ser un dos concursos máis grandes, con máis de 1.400 prazas.
  • Engaden as prazas de ATRIGA, Traballo e AMTEGA.
  • Intentarán resolver o concurso dentro do ano.

A CIG quere que se convoquen todas as vacantes. Vamos darlle un marxe de confianza a ver como funciona o novo sistema de resultas (esperemos non arrepentirnos). Mantemos as nosas alegacións. En moi grandes liñas:

  • Máis peso para antigüidade.Dobre escala para o grao persoal, con diferentes incrementos ata o nivel 26 (máximo obtible por concurso), e superiores a 26 (só obtible por libre designación).
  • Excesivo desequilibrio na puntuación por traballo desenvolvido.
  • Quedan fora determinadas situacións de conciliación (achegamento con menores non escolarizados, reunificación familiar a localidades nas que non hai centro de traballo, ..).
  • Faltan cursos transversais (aceptaron meter o de protección de datos, pero non outros).

Os borradores do concurso de traslados de corpos xerais vaise tratar nunha Comisión de Persoal o mércores 13 de maio. Descargar borrador para a Comisión de Persoal.

Outras novas recentes

Xoves, 25 Abril 2024

Procesos selectivos, concursos de traslados, estabilización, funcionarización, OEP 2024 (25/04/2024)

Na Mesa Xeral de Empregados Públicos e na Comisión de Persoal do 25 de abril foi aprobada co voto en contra da CIG, a abstención da CSIF e o voto a favor de CCOO e UGT a modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de 207 postos de persoal laboral da Xunta de Galiza no grupo B e nos subgrupos C1 e C2. 169 deses postos serán incorporados ao...
Luns, 15 Abril 2024

Comisión de seguimento do Acordo do SPIF

Tras a xuntanza da Comisión de seguimento do acordo de condicións do persoal funcionario do SPIF do 10 de abril, a Consellería de Medio Rural enviounos un documento cunha proposta das quendas que quere implantar. Dende a CIG queremos manifestar que fomos facendo distintas achegas, pero tendo en conta que parece ser que a Consellería non quere negociar máis imos facer a nosa...
Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.