Este foi o único punto da orde do día da mesa sectorial de persoal funcionario acontecida o 09/11/09. Desde a CIG-Autonómica, consideramos que esta proposta de acordo é un vano intento da Administración  de lavar a súa imaxe diante dos traballadores da Xunta de Galiza, despois de suspender hai pouco máis dun mes todos os acordos salariais que estaban en vigor.

Tanto das formas (por levar a proposta directamente á Mesa Sectorial, sen tentar previamente unha aproximación de posturas coas organizacións sindicais), como dos contidos (misérrimos e condicionados) non se desprende unha verdadeira vontade negociadora, senón un intento de hipotecar a nosa acción sindical sen dar case nada a cambio. Desde a CIG-Autonómica, entendemos que é insultante para os traballadores o feito de que a Administración inclúa dentro da proposta de acordo materias que xa son de obrigado cumprimento por norma de rango legal, como a convocatoria anual dos concursos de traslados ou a negociación da carreira profesional.

Ante unha ausencia de propostas reais por parte da Administración, desde a CIG-Autonómica expuxemos unha auténtica proposta de acordo salarial, co ánimo de negociar partindo dunha base sólida e xusta. Unha proposta realista que nos iguale cos nosos semellantes, o resto das traballadoras e traballadores galegos, que propón como punto de partida unha suba igual á suba media dos convenios colectivos galegos asinados para o ano en curso.

A Administración salientou as bondades do seu propio borrador nun escenario de baixada nos ingresos. Indícannos que esta semana e a que ven manterán contactos para mellorar a súa proposta, establecendo un prazo de alegacións até o próximo venres, 13 de novembro.

Ante a nosa pregunta de se a Comunidade disporá para ese acordo da parte proporcional dos fondos destinados na Administración Xeral do Estado ao salario diferido (fondo de pensións estatal), van consultar si se transfiren á Comunidade esas contías. Insisten en que non hai conxelación porque hai unha suba do 0,3%. Sen embargo, convén recordar que esta microsuba, de novo, é allea a toda vontade dun acordo autonómico. Por último, voltan a exhibir argumentos de carpideira de que o 15% dos Orzamentos van retornar a Madrid; argumentos que se esqueceron sen remorsos á hora de decidir manter o plus dos altos cargos, de aprobar as subas de 210€/mes aos xefes territoriais, ou de gastar 4,5 millóns de € en licencias de software privativo para Microsoft, só por poñer algúns exemplos.

Nunha segunda rolda salientamos que a pesares de considerala tal e como se presenta unha proposta raquítica, insuficiente e inasumible, estamos sempre dispostos a negociar. Albiscamos, incluso, elementos positivos dentro dos que informan a proposta e na metodoloxía empregada ao abrir un prazo para a entrega de alegacións e contrapropostas. Manifestamos expresamente que presentaremos alegacións e propostas para a negociación e adiantamos que en ningún caso aceptaremos que se utilice como referente a evolución dos ingresos totais no canto da evolución dos ingresos correntes nos orzamentos.

Para rematar, recordamos que ante o próximo peche do exercicio aínda está pendente de negociar o 10% restante dos fondos adicionais que quedan sen repartir para o 2009. Dende esta perspectiva, e tendo que hai persoal de rexistros e de incendios agardando por este reparto dende vai tempo, parece lóxico e urxente esixir que se pechen as negociacións sobre este aspecto antes de continuar co acordo económico plurianual. Ante a dita petición, en días posteriores achegáronnos a seguinte proposta.