Este sábado, deixounos para sempre o noso compañeiro e amigo Enrique Casanova. Como non podía ser doutro xeito nel, fíxoo ao pé do canón, traballando polo noso país na extinción dun incendio forestal en Guntín. Todas/os as/os que tivemos a fortuna de coñecelo, sabemos da súa irreparable perda tanto para a nosa organización como para a nosa nación.

Situacións coma esta fan que o noso compromiso medre e na nosa memoria sempre estea presente o compañeiro Enrique. Nunca poderemos esquecer bos e malos momentos pasados ao seu carón desde hai moitos anos pero a realidade fai que teñamos que lembralos para sempre cun sorriso entre dentes como o que el acostumaba a agasallarnos a cotío.

Hoxe é día de choralo pero a partir de mañá, a mellor homenaxe que lle podemos tributar desde a CIG é a de seguir loitando pola mellora das condicións de traballo de todas e todos os traballadoras/es galegas/os. Coa dor que dá unha irreparable perda, mantemos en pé a bandeira de seguir loitando por unha Galiza ceibe e sen explotación.

Sen esquecer nestes duros momentos a toda a súa familia, á que abrazamos con cariño:

Sempre estarás con nós, Enrique.

DESDE A CIG CONVOCAMOS A TODAS AS PERSOAS TRABALLADORAS DA XUNTA DE GALIZA PARA GARDAR UN MINUTO DE SILENCIO DIANTE DOS CENTROS DE TRABALLO AS 12H DO LUNS 29 DE XUÑO

Nota: os actos de acompañamento terán lugar o luns 29 ás 18h da tarde na capela do tanatorio (Velatorios Lucenses) e o enterro ás 18:30h no cemiterio parroquial de San Xián de Rubiás (Lugo).