Xuntao coas RPTs de Traballo, AXI e ATURGA, e a resolución de instrucións de vacacións, permisos e licenzas, na Mesa Xeral do 7/7/2015 tamén se tratou o decreto de creación e estatutos da nova Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, xunto con diversos asuntos de interese en “rogos e preguntas”.

Decreto de Creación e Estatutos da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos

O Decreto que presentan foi rexeitado por unanimidade dos sindicatos na Mesa Sectorial do SERGAS. Xa presentamos alegacións na Mesa Sectorial, onde non tiveron en conta as nosas demandas. O que están a facer é cumprir o trámite, sen negociación real. Solicitamos a retirada da proposta e unha nova negociación na mesa sectorial do SERGAS.

Rogos e preguntas

Decreto de listas: informa o DXFP que esta semana ou a vindeira enviarán un proxecto de modificación de listas, no que contemplan o caso das contratacións inferiores á xornada ordinaria.

Presenza sindical no CIXTEC: denuncia a CIG que aos traballadores do CIXTEC se lles está a negar a presenza de representantes sindicais nas xuntanzas coa dirección, motivo polo que acudimos á inspección de traballo que nos deu a razón. Resposta o DXFP que agardan pola notificación para falar co CIXTEC.

Temarios EGAP: a CIG sinala que se comprometeran a que a EGAP editaría temarios “orientativos” nos procesos selectivos. Pedimos información ao respecto. Non hai resposta.

Sobretasa en procesos selectivos: denuncia a CIG que o banco lle cobrou 0,60 euros de sobretasa a unha persoa que se matriculou para as oposicions. Demandamos intervención de FP. Comprométese o DXFP a investigar esta denuncia.

Comisión de seguimento do acordo de veterinarios: lembra a CIG que fai dous meses, na Mesa Xeral, reclamamos a convocatoria da comisión de seguimento do acordo de veterinarios. Comprométese o DXFP a convocar en setembro.

Instrucións vacacións-permisos-licenzas para funcionarios/as que prestan servizos en instituciónsn sanitarias: falamos destas instrucións na mesma sesión da Mesa Xeral. Pero denuncia a CIG que a regulación vixente exclue ao persoal que presta servizo en institucións sanitarias, a quenes remite a súa normativa específica. Porén, non existe normativa específica, tendo que remitirnos ao “acordo de concertación social do ano 2001”, acordo negociado no ámbito da mesa sectorial de persoal estatutario e por tanto non negociado cos lexítimos representantes dos traballadores e traballadoras aos que se está a aplicar dita normativa. Quedamos en ter unha conversa outro día co subdirector de Sanidade presente na Mesa Xeral.