Novas por contido

A Lei 2/2015 do emprego público de Galiza (LEPG) cambia a regulación sobre a contratación do Persoal Eventual (o persoal dos gabinetes que non teñen que ser necesariamente empregados/as públicos/as, e que cesan ao cesar o/a alto cargo ó/á que prestan servizo). Coa entrada en vigor da nova LEPG, só poden designar persoal eventual os membros do Consello da Xunta.

Atopamos aquí que o persoal eventual nomeado polos/as delegados/as territoriais da Xunta están nun baleiro que xenera unha situación curiosa:

Exposición de motivos da LEPG:
[...] no que respecta o persoal eventual séguese unha orientación restritiva, que no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma implica a súa limitación unicamente ás tarefas de apoio aos membros do Consello da Xunta de Galicia e a prohibición expresa do seu nomeamento polas entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.

Art. 32.1 LEPG: Persoal eventual da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia
1. No ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia o persoal eventual só pode ser nomeado polas persoas integrantes do Consello da Xunta para realizar funcións de asesoramento especial ou apoio a estas no desenvolvemento do seu labor político, no cumprimento das súas tarefas de carácter parlamentario e nas súas relacións coas institucións públicas, cos medios de comunicación e coas organizacións administrativas, así como actividades protocolarias.

Os/as delegados/as territoriais non son membros do Consello da Xunta e polo tanto xa non poden nomear persoal eventual.

Porén, nas Delegacións Territoriais continúa a haber gabinetes con persoal eventual, xa que o lexislador (PP) "esqueceu" recoller nas disposicións transitorias da LEPG que os gabinetes con persoal eventual dos "superdelegados" desaparecerían coa entrada en vigor da norma. As únicas causas de cesamento do persoal eventual recollidas na nova lei son estas:

Artigo 30 LEPG. Nomeamento e cesamento do persoal eventual
1. O nomeamento do persoal eventual é libre.
2. O cesamento do persoal eventual corresponde aos mesmos órganos competentes para o seu nomeamento e prodúcese pola concorrencia dalgunha das seguintes causas:
a) Libre decisión da autoridade que efectuou o nomeamento.
b) Cesamento da autoridade que efectuou o nomeamento. Neste caso, o cesamento do persoal eventual prodúcese de forma automática co cesamento da devandita autoridade.
c) Renuncia.

Isto significa que, mentres haxa continuidade das persoas titulares das Delegacións Territoriais da Xunta que desempeñaban o cargo con anterioridade á entrada en vigor da LEPG, non existe outra causa para cesar ao persoal eventual designado por aquelas, agás a renuncia do propio persoal eventual ou a libre decisión do correspondente cargo político: se o PP gañase as eleccións galegas en 2016 e mantivese as mesmas persoas que estaban á fronte das Delegacións Territoriais o día anterior á entrada en vigor da LEPG, poderá manter indefinidamente gabinetes territoriais con persoal eventual. En cambio, se o PP perdese as eleccións de 2016, un Goberno doutra cor política que cesase aos actuais "Superdelegados" do PP, non podería ter persoal eventual nas Delegacións Territoriais da Xunta.

En definitiva, unha medida de aforro excelente: a Xunta do PP vende como "austeridade" unha redución de persoal eventual nas Delegacións Territorial que non se vai aplicar mentres non cesen no cargo os seus "superdelegados", pero que si afectaría a un novo Goberno doutra cor política. Brillante!

"Austeridade"... pero só cando os superdelegados non sexan os do PP!

Outras novas recentes

Venres, 12 Abril 2024

Recurso de reposición ao concurso ordinario de traslados de ciencias+enxeñarías+arquitectura

A CIG presentou un recurso de reposición á Resolución que convocou o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de escalas de enxeñarías, arquitectura, arquitectura técnica e ciencias (administración especial). No recurso solicitamos unha relación das prazas que desapareceron do concurso, con información polo miudo de cada unha delas. Tamén da...
Luns, 15 Abril 2024

Comisión de seguimento do Acordo do SPIF

Tras a xuntanza da Comisión de seguimento do acordo de condicións do persoal funcionario do SPIF do 10 de abril, a Consellería de Medio Rural enviounos un documento cunha proposta das quendas que quere implantar. Dende a CIG queremos manifestar que fomos facendo distintas achegas, pero tendo en conta que parece ser que a Consellería non quere negociar máis imos facer a nosa...
Venres, 12 Abril 2024

Educación retira a axuda por discapacidade ao seu persoal funcionarizado

A Consellería de Educación, de xeito unilateral e sen previo aviso, retirou a axuda por persoa con discapacidade a cargo que o persoal funcionarizado tiña recoñecida en base ao V Convenio Colectivo da Xunta de Galiza. O persoal laboral ten dereito a unha axuda de 180 € mensuais cando ten ao cargo unha persoa con discapacidade e con ingresos inferiores ao SMI. En teoría ese...