Na xuntanza que tivemos o venres 24 de xullo con Sanidade pola súa RPT, a CIG forzou unha vez máis o debate sobre o marco de negociación dos funcionarios e funcionarias da Lei 17 (escalas sanitarias). Estamos a falar de funcionarios e funcionarias de administración especial, que nas recentes eleccións sindicais escolléronos como seus representantes, e inclusive algún deles está nalgunha Xunta de Persoal. Porén, Sanidade négalles a negociación a través dos e das súas lexítimas representantes, pois teiman en negociar no marco da Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Estatutario.

Recoñecemos que estas escalas sanitarias son unha excepción en canto a que son os únicos funcionarios e funcionarias que non dependen de Función Pública, senon de Sanidade. Pero eso non quita a que Sanidade ten que negociar a través da Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario, e non na de Estatutarios, porque son persoal funcionario.

Así as cousas están pendentes de negociar seu concurso de traslados, a oferta de emprego, listas de substitución, acceso á formación.. Ata está pendente negociar as instrucións de vacacións, permisos e licenzas (a unha parte deles e delas estanlles a aplicar o "acordo de concertación social" do ano 2001 pactado entre Sanidade e os sindicatos do persoal estatutario, sen que os representantes dos traballadores e traballadoras fosen sequera escoitados).

Sanidade di que aceptaría darnos audiencia, pero que de ningunha maneira vai retirar a negociación da Mesa Sectorial de Estatutarios, como levan facendo unha chea de anos. A CIG-Autonómica non acepta que nos veñan á Mesa Xeral con asuntos que xa veñen masticados da Mesa Sectorial de Estatutarios.

Os funcionarios e funcionarias das escalas sanitarias votáronos nas recentes eleccións sindicais; algúns deles foron elixidos e son membros das xuntas de persoal; así que queremos ser os interlocutores na negociación, non un trámite de audiencia final, polo que advertimos que estudaremos accións xudiciais.