“A XUNTA CONTRATA PERSOAL DE SEAGA MENTRAS DESPIDE TRABALLADORES/AS PROPIOS”

Cada día atopámonos nesta nova Xunta de Galicia con que unha cousa é predicar e outra dar trigo. A Xunta, por medio do seu presidente o dos/as diferentes Conselleiros/as énchense a boca de dicir que defenden os servizos públicos, prometendo de continuo políticas de reversión dos servizos externalizados para que pasen a ser servizos públicos.


Pero as declaracións son unha cousa e as actuacións outra ben diferente, nunha nova demostración de que as cousan que se dín vanse coa choiva, será para estar en consonancia co tempo, ben de botar, de despedir a 580 traballadores/as fixos-discontinuos do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF) o día 15 de novembro, para contratar a outros 580 traballadores/as por medio de SEAGA, coa escusa de que os/as traballadores/as do SPDCIF están para apagar o lume e estes novos contratados son para facer prevención, non sabemos moi ben si esta afirmación a fan por que non saben o que significa o “P” de Prevención.

Dende a C.I.G.-Autonómica e UGT-FSP queremos denunciar este tipo de práctica, que incumple o espíritu do acordo de condicións de traballo e o V Convenio Colectivo, botando a 580 persoas a rúa para contratar de xeito clientelar a outras tantas.

Onde está a tan famosa estabilidade laboral que promulga Feijoo?, onde están as grandilocuentes declaracións de defensa dos servizos públicas, e do emprego público?

Dende UGT-FSP e C.I.G.-Autonómica instamos a Consellaría de Medio Rural a contratación inmediata das 580 persoas despedidas do SPDCIF para facer os traballos necesarios de prevención de cara ao ano vindeiro, e pedimos un compromiso da Xunta de Galicia no sentido da transformación dos contratos de estos 580 fixos-discontinuos en fixos si, tal e como se está demostrando, existe carga suficiente de traballo para manter o servizo ao 100% dos seus efectivos durante todo o ano.

De non tomarse estas medidas entenderemos que o único que se está vendendo dende o Goberno da Xunta de Galicia é fume e a única realidade é que o que se quere é privatizar os servizos públicos.