O obxecto deste centro de protección de menores é o de velar para que aqueles rapaces en situación de conflito social ou que a consecuencia de medidas xudiciais teñan que ingresar neste “reformatorio” adquiran un novo modelo de comportamento que lles permita a integración plena na sociedade.

Cando os/as menores chegan ao Avelino Montero o primeiro que se atopan é un edificio de planta baixa cercado por unha malla de 5 metros de altura, custodiado por gardas de seguridade uniformados. Unha vez que acceden a súa habitación, o impacto é brutal ao atoparse cun zulo de 6 metros cadrados que contén unicamente un catre e unha mínima fiestra enreixada.

As zonas comúns, salas de televisión con sofás derramados, cotrosos e noxentos, fican en penumbra, con paredes descascadas, non permiten unha estancia minimamente agradable.

O mobiliario só responde a unha función: ocupar espazos, sen a consideración de elementos que axuden ao benestar físico e emocional.

As saídas do ar acondicionado están cheas de cotra pois nin se limpan nin se manteñen adecuadamente, polo que en ausencia de ventás amplas, o ar sempre está viciado.

Incidindo no ambiente que axude á reeducación, hai restricións no uso de papel hixiénico e na cantidade de auga que se pode beber. Ata a roupa que se lles entrega está chea de rotos e remendos.

Cando se necesitou de alguén que dominase a linguaxe de xordos, nin se contratou nin se buscou alguén en réxime de colaboración, polo que a única maneira que tivo para comunicarse algún menor xordomudo que estivo interno, foi a través do “pizarrín” que se lle facilitou. Plena reeducación, seguro!

A prevención da saúde e da seguridade, de traballadores/as e de rapaces/rapazas, non cumpre os mínimos estándares legais. Destaca que as habitacións dos e das menores permanecen pechadas en horario nocturno, con chave dende o exterior pero sen que exista un sistema de apertura automática para un suposto caso de emerxencia. Imaxinemos que ocorrería nun non desexado incendio nocturno: as portas habería que abrilas unha a unha, o que podería dar lugar a algún falecemento por abrasión ou asfixia.