A CIG vai comezar unha campaña de concienciación entre o persoal laboral e funcionario non docente que traballa nos centros educativos, paso previo á nosa intención de abrir unha negociación coa consellería motivada polo incremento da conflictividade nos centros.

Para todos, funcionarios non docentes e laborais:

  • A campaña de control da saúde do persoal de administración e servizos comeza demasiados meses despois de rematar a dos docentes, como se a nosa vida valese menos.
  • Posta en marcha de métodos de control horario e cambios organizativos sen dar conta aos órganos de representación do persoal (a CIG exerce a presidencia e secretaría do Comité de Empresa e da Xunta de Persoal).
  • Inadecuada inspección e corrección das deficiencias detectadas nas instalacións pola nula vontade de facer funcionar o comité de prevención de riscos laborais.
  • Ausencia de persoal directivo en horarios lectivos.
  • Utilización da Inspección de Educación para presionar ao persoal de administración e servizos.
  • Non se cubren as baixas co que esto supón en servizos atendidos por unha ou poucas persoas. Non se cubre nin un só posto de media xornada.

O persoal laboral necesita discutir:

  • A ratio de metros de limpeza ten circunstancias a considerar (taller, follaxe, lama ..).
  • O cambio de categoría profesional do persoal oficial 2ª de cociña, pois gañamos todas as sentenzas.
  • Nalgúns centros a directiva ten a tentación de crer que o persoal coidador son criados para todo, esquecendo que teñen asignados alumnos e alumnas concretas con necesidades especiais.
  • Aplicación ao persoal laboral que ocupa postos de ordenanza ou auxiliar administrativo das melloras retributivas dos funcionarios do acordo conquerido no ano 2008.

O persoal funcionario ten que solucionar:

  • Deficiente formación nos métodos de traballo. Nula planificación (prazos axustados, novas axudas para libros, LOMCE..).
  • Horarios ao libre albedrío da dirección con criterios diferentes en centros idénticos. Ata abrir o centro os subalternos os domingos. Atrancos á constitución da comisión de seguimento do acordo do 2008 para solucionar conflitos de horarios.
  • Falta de respecto polo preaviso regulado no acordo do 2008 para os casos de cambios de horarios.
  • Indefinición de funcións, chegando ao absurdo de que a mesma tarefa fana docentes, subalternos ou auxiliares, segundo o centro.
  • Utilización do persoal administrativo para a xestión dos comedores escolares cando os directores cobran por esa tarefa.

Se tes algunha queixa ou suxestión que consideres debamos incorporar, contacta coa CIG.