A CIG gaña unha sentenza que obriga á fundación Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (Cetal) a repetir un proceso selectivo para cubrir unha praza de Técnico Superior por utilizar dun xeito abusivo a entrevista persoal.

A convocatoria incluía dúas fases, a primeira na que se baremaba a formación, cun máximo de 18 puntos. E a segunda, unha entrevista persoal, que tamén puntuaba un máximo de 18 puntos.

A xuíza afirma que os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade vense conculcados nun sistema de selección no que a segunda fase carece de obxectividade, “dado que se trata dunha entrevista persoal que ten natureza subxectiva obvia… e se converte en decisiva na puntuación total”.

Esta sentenza é do 31 de marzo de 2015 e a fundación Cetal segue sen executar a sentenza. Ante esta situación a  CIG presentou o 21 de outubro unha petición ante o xulgado para que requira á fundación a que acate a sentenza.

Os responsábeis políticos das Administracións utilizan todos os medios á súa disposición para furtar os principios básicos de igualdade, mérito, capacidade e publicidade á hora de acceder aos postos de traballo no sector público. E ademais néganse a acatar as sentenzas xudiciais. Menudo xeito de promover a boa imaxe e a confianza das cidadás e cidadáns na Administración.