O Comité Intercentros do persoal laboral da Xunta xuntouse o martes 17 de novembro cos grupos do Parlamento de Galiza, como parte dos actos organizados polo Intercentros cara á derrogación da Lei 1/2012, de medidas temporais no emprego público de Galiza, para a recuperación na Lei de Orzamentos do 2016 do artigo 19 do V Convenio Colectivo e para a recuperación da negociación colectiva coa conseguinte convocatoria do concurso de traslados do persoal laboral.

Polo que respecta aos grupos da oposición, PSG-PSOE, AGE, BNG e Grupo Mixto, obtivemos o seu rotundo apoio para a presentación dunha batería de emendas aos orzamentos e a súa lei de acompañamento, emendas que non prosperarán diante da trituradora maioría absoluta do PP tal como aconteceu nestes últimos anos.

Na xuntanza co grupo parlamentar do PP, o Comité Intercentros lembrou as declaracións tanto do Presidente, Feijoo, como do seu Goberno, que se veñen gabando unha e outra vez da mellora dos indicadores económicos e que permitirán unha rebaixa dos impostos para o 2016 (sucesións e doazóns); melloría económica que se constata no incremento do PIB, polo que non procede continuar cos recortes de dereitos auspiciados pola Lei 1/2012 e a suspensión do art. 19. O PP responde que para o 2016 vai un incremento do 5% no capítulo I dos orzamentos adicados ao pagamento da paga extra do 2012 e ao incremento do 1% das retribucións dos empregados públicos e á reposición dos días adicionais que supón un importante custe económico pola substitución de efectivos. O PP segue co seu discurso simplista de non recoñecer os dereitos cercenados e segue a falar do importante esforza do goberno na educación, na saúde e en políticas sociais.

O Comité Intercentros incidiu unha vez máis na discriminación dos laborais da Xunta que seguen sen compensacións en descanso polo traballo en domingos e festivos con respecto a outros colectivos (por exemplo, SERGAS). Por ultimo, o Comité Intercentros convidou aos grupos parlamentares a participar na mobilización do vindeiro 26 de novembro que partirá a carón do Parlamento.