Delegados e delegadas da CIG concentráronse o pasado xoves, 19 de novembro diante do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, coincidindo coa entrega de máis de 1.000 sinaturas do persoal en demanda de melloras nas súas condicións laborais e en denuncia da precariedade e discriminación que veñen padecendo dende hai tempo.
O persoal do Consorcio leva anos sumido nunha inestabilidade laboral xustificada nas continuas demoras na posta en marcha da Axencia Galega de Servizos Sociais. Arredor de 1500 traballadoras e traballadores, que están a facer un esforzo día a día polo mantemento dos servizos sociais, atópanse nunha situación laboral moi precaria, sen convenio colectivo e con xornadas laborais excesivas, sen descansos e cuns salarios moi baixos, mentres esperan que se clarifique o seu futuro na Axencia Galega de Servizos Sociais.
A pesar da continuada merma en dereitos laborais e salariais este persoal segue aportando o seu esforzo e implicación diaria para que a situación non repercuta na prestación dos servizos sociais nos seus respectivos centros. É por iso que non están dispostas a agardar máis excusas nin demoras, pois para implementar os recortes nestes anos non houbo ningún tipo de impedimento legal.
Con esta mobilización e a entrega de sinaturas exísese a inmediata apertura de negociacións para facer efectivas as reivindicacións do persoal e poñer fin a esta situación de precariedade extrema.
Reunión co xerente do Consorcio
Unha vez entregadas a sinaturas a CIG conseguíu que o novo xerente, Perfecto Rodríguez Muíños, recibira a unha representación das traballadoras e traballadores. A CIG trasladoulle as reivindicacións do persoal facendo fincapé que no prazo dun mes deberíamos ter resoltas a aplicación das melloras laborais recollidas na Lei do Emprego e apertura de novas listas de substitucións para evitar a non existencia de persoal para substitucións. O xerente comprometeuse a analizalo e a reunirse de novo coa CIG nun breve prazo de tempo. A CIG trasladoulle que de non ter solución nun prazo razonábel convocaría novas mobilizacións sen descartar unha folga de todo o persoal do Consorcio.