A Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas retira a amortización de tres postos de farmacéutico/a inspector/a que inicialmente ían aprobar, en medio dunha situación de conflito laboral, na Comisión de Persoal do xoves 3 de decembro.

Os farmacéuticos/as inspectores, corpo de funcionarios e funcionarias de administración especial, escala sanitaria, grupo A1, nivel 20, levan anos reivindicando incremento de nivel para homologarse con outros corpos de inspección do grupo A1.

Co gallo da creación de dúas axencias dependentes da consellería de sanidade (axencia galega para a xestión do coñecemento en saúde, e axencia galega de sangue, órganos e tecidos), fomos convocados a unha xuntanza co Director Xeral da Función Pública o venres 27 de novembro para tratar, supostamente, o cambio de centro directivo de determinados postos de traballo. O asunto continuou coa súa inclusión na Orde do día da Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos o martes 1 de decembro.

Pero de estrángulis, colando no medio do mogollón e arrastrándonos ás présas, aparecían máis cambios que simples modificacións de dependencia, destacando a amortización de tres postos de farmacéutico/a inspector/a, feito que pecharía por moito tempo calquera posibilidade de chegarmos a acordos sobre o futuro do referido corpo.

A CIG presentou escrito na Mesa Xeral esixindo a retirada da RPT de Sanidade da Orde do día, xustificado no incumprimento dos principios recollidos no artigo 149 da Lei do Emprego Público de Galiza (boa fe negocial, publicidade, transparencia, así como a obriga de proporcionarse mutuamente a información precisa), que queda claramente demostrado pola falta de tempo para estudar a documentación, que esta foi enviada incompleta, e por riba fora substituída por outra nova con menos de 24 horas de antelación á Mesa Xeral.

Ante a reclamación da CIG, o Director Xeral de Función Pública, actuando como Presidente da Mesa Xeral, retirou algúns aspectos da RPT que non estaban exclusivamente vinculados aos cambios de dependencia dos postos. Porén, mantivo a amortización dos tres postos de farmaceutico/a inspector/a, ante o que advertimos que coa impugnación da CIG a modificación da RPT remataría na vía xudicial.

Os catro sindicatos presentes na Mesa Xeral defendimos a necesidade de abordar unha negociación real dos niveis, e anunciamos a posibilidade da convocatoria dunha folga para o colectivo. Quedou patente que de non atoparmos unha solución, haberá problemas no funcionamento do servizo de alertas sanitarias. Será Sanidade a responsábel.

Finalmente comprometeuse o Director de Función Pública a tratar con Sanidade a posibilidade de retirar as amortizacións dos postos da Comisión de Persoal que sería dous días despois, convocada xa para o xoves 3 de decembro.

O conflito continúa, cunha previsíbel concentración en San Caetano o día 10, antesala das mobilizacións que van seguir, non desbotando a convocatoria de folga se Sanidade mantén a porta pechada a negociar.