Novas por contido

Do meso xeito que Bill Murray vivía atrapado no tempo na famosa película e espertaba constantemente no Día da Marmota, as empregadas e empregados públicos da Xunta temos unha experiencia similar que se repite periodicamente no tempo coa leria da funcionarización.

Leva rescatando regularmente este tema nos medios dende hai máis de catro anos e, lonxe de aclarar absolutamente nada, xenera expectativas e frustracións a partes iguais entre o persoal da Xunta de Galiza.

Dende a CIG queremos manifestar que Función Pública non comunicou á nosa central nada con respecto a este tema. Tampouco trasladou absolutamente nada a ningunha das mesas de negociación. Incluso negan, cando preguntamos sobre o tema, que a información dos medios saíra deles.

O que está a acontecer é que tanto Feijoo como o goberno que preside levan oito anos durmindo como unha marmota e o seu traballo leva eses mesmos anos en hibernación constante: concursos, procesos selectivos, etc.

Segundo puidemos saber, a verdadeira marmota de Pensilvania predeciu un inverno curto para este ano. Agardamos que a predición poida ser extensible a este goberno escuro e que marchen co vento fresco da poltrona na que botaron deitados estas dúas lexislaturas.

Outras novas recentes

Xoves, 11 Abril 2024

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar incumpre a normativa de conciliación da vida familiar e laboral

O Consorcio introduce unha cláusula nas resolucións de reducións de xornada que impide que o persoal poida desfrutar do dereito á conciliación mentres non se cubra con persoal substituto a franxa horaria na que reduce a xornada. A CIG levamos anos denunciando a situación que se produce na concesións de reducións de xornada por conciliacións, incumprindo o artigo 37.7 do...
Luns, 15 Abril 2024

O Consorcio ordena facer a programación do período de adaptación... na casa?

A CIG-Autonómica denuncia ante a autoridade laboral a decisión da Xunta e máis do Consorcio de cargar ás traballadoras coas horas de programación sen reducir o horario de atención directa.  O Consorcio impuxo, dentro da xornada de 35 horas semanais, que toda a xornada de traballo fose de atención directa ás crianzas. Esta medida supón un novo atentado contra os servizos...
Venres, 12 Abril 2024

Emendas da CIG ás leis básicas de bombeiros/as forestais e axentes forestais e medioambientais

Dende a CIG, e con ánimo de mellorar os textos dos proxectos de leis básicas de bombeiros/as forestais e axentes forestais e medioambientais, enviamos aos grupos parlamentares do Congreso as nosas achegas a estes documentos dentro da fase de emendas. Para nós estes textos son claramente mellorables porque poden chegar a limitar o ámbito de actuación e funcións de...