O pasado 13 de xuño de 2012, a EGAP publicaba unha resolución na súa páxina web pola que se comunicaba a anulación da maior parte da oferta formativa correspondente ao segundo semestre do presenta ano.

A xustificación esgrimida pola Administración é a desaparición dos fondos de formación os recursos procedentes do Fondo Social Europeo e as achegas públicas do Estado. Porén, esta redución de fondos non foi para todos: para as empresas privadas acrecentaron os fondos de formación.

Na Comisión Xeral de Formación Continua para as Administracións Públicas, reducíronse os fondos nun 53%. Isto conleva un riso adicional, pois o diñeiro, que corresponde as achegas para o fin explícito, a formación , é moi superior a cantidade que finalmente vai a formación dos empregados públicos.

Nin que dicir ten, ademais, que desde a CIG rexeitamos con contundencia que se supriman os cursos formativos e probas libres destinados ao conxunto dos empregados públicos, mentres a EGAP continúa a realizar as máis pintorescas xornadas e encontros -de elevado custe-, para o colegueo, para lles dar regalías a palestristas afíns.

En calquera caso, desde a CIG consideramos que podería ser entendida algunha forma de redución da formación se se suprimisen as referidas accións non formativas, seminarios e xornadas, mais non podemos admitir a arbitrariedade de que se reduza a formación en língua galega, ou que se supriman as probas por libre (e teórico baixo custe) da formación dixital, ou que se reduza a oferta de cursos de Xefatura de Negociado e Sección, entre outros. Tampouco é admisible que por parte da Administración non se contemple ningunha forma de compensación para os empregados públicos que, fiándose da seriedade que se lle debería presupoñer á EGAP, solicitaron cursos formativos para este segundo semestre, e polo tanto quedan en desvantaxe respecto do persoal que solicitou o cursos para a primeira parte do ano.

Polos motivos expostos, a CIG vén de dirixirse ao director da EGAP e ao conselleiro de Presidencia, Administración Públicas e Xustiza, demandando que se priorice o desenvolvemento de cursos e probas libres sobre actividades non formativas da EGAP, así como que se arbitre unha solución para os empregados públicos que se inscribiron en accións do segundo semestre confiando na fiabilidade da planificación da EGAP, co conseguinte agravio comparativo.

Descargar o escrito dirixido pola CIG ao director da EGAP pola anulación da oferta formativa

Descargar o escrito dirixido pola CIG ao conselleiro de Presidencia