No desenvolvemento do último comité de seguridade e saúdde de Medio Rural celebrado no mes de marzo, tomáronse os seguintes acordos:


1.- A CIG manifestou que a situación dos traxes desbotables (EPI) do persoal veterinario, que ía ser transitoria, está alongándose excesivamente no tempo e ocasiona numerosos inconvenientes no manexo (fan ruído, non protexen da auga e do frío) polo que insta a que se corrixa de inmediato (este feito xa fora denunciado no anterior comité). A administración indica que a limpeza da roupa está pendente do novo concurso e que é unha prioridade do novo subdirector de gandería.

2.- Aprobouse realizar unha campaña divulgativa de información sobre os riscos na maternidade a través de correo electrónico e pendurado nos taboleiros dos centros de traballo.


3.- Constituíuse un grupo de traballo composto por 2 representantes sindicais e 2 representantes da administración para a avaliación dos riscos sicosociais e poñer en marcha un proxecto piloto a través do método istas21.


4.- A Administración indicou que non tiña finalizado o informe sobre a situación actual das taquillas e desde a representación sindical solicitamos que se valoren todos os centros de traballo nos que exista persoal de campo ou con saídas a campo. A administración comprometeuse a enviar o listado completo.


5.- O Servizo de Prevención trae á xuntanza un mero borrador sen rematar a identificación de riscos do posto de axentes facultativos medioambientais.  Este traballo fíxose sen cumprir a legalidade, sen avisar á representación sindical e sen facer enquisas aos traballadores/as. A xustificación torticeira é que é unha ampliación da avaliación do 2006 (inexistente), polo que  consideran que non “é necesario avisar aos representantes dos traballadores/as”. Nesta xuntanza comprometeranse a traer a Avaliación de Riscos Laborais completa feita por MUGATRA no ano 2009 en tódolos postos dos Distritos forestais e ambientais da provincia de Ourense, (xefes de distrito, técnicos, axentes forestais, persoal de brigadas, vixilantes dos recursos naturais, emisoristas, vixilantes fixos..) e que xa fora presentada pola Xunta de Galicia na inspección de traballo. Ante o desconcerto e o monumental mosqueo das CIG e resto das OOSS presentes, e xa que  din que non a atopan, din que elaborarán as avaliacións de novo incluíndoas na programación do ano 2013, duplicando traballo e enfarragando o dereito de tódolos traballadores a ser protexidos no seu posto.


6.- Presentouse o plano formativo para o persoal do SPDCIF dirixido ao persoal de brigadas e condutores. Haberá 2 edicións por distrito de 25 participantes cada unha e en horario de mañá. Esta formación faise en colaboración con MUGATRA e a EGAP. Dirixida para o persoal fixo e fixo-discontinuo queda fóra o persoal contratado no verán. Desde a CIG formúlase a necesidade tamén de formación en prevención de riscos específica para os directores de extinción: axentes forestais e técnicos.


7.- Dende a CIG preguntamos se hai persoal dentro da consellería exento por razóns de saúde nas tarefas de extinción de incendios. Segundo a administración, a día de hoxe, non hai ninguén, sendo responsabilidade dos traballadores compañeiros/as e xefes de distrito denunciar se alguén non fai estas tarefas habitualmente. Esta situación é unha realidade que desorganiza o servizo e aumenta a carga de traballo, e entendemos que debera ser a xefatura do persoal a que ten que preguntar especificamente por estas situacións e dar solución ao persoal afectado.

8.- Denunciase que na web ao solicitar a vixilancia da saúde faltan os técnicos de distrito polo que se propón a revisión dos protocolos.