A Consellaría de Educación, a través da súa Dirección Xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, ven de mandar unha circular na que se lle prohíbe ao persoal de administración e servizos a matrícula nas probas de certificación de idiomas. Dita circular, que non foi negociada cas representantes das traballadoras e traballadores, atenta claramente contra tratados internacionais firmados polo estado que contemplan o dereito fundamental á educación. Pero isto ao PP dalle igual e sigue na súa teima de transformar o ensino nun recurso elitista. A isto únese que ao persoal non docente tamén se lle retirou a subvención da matrícula nos centros públicos mentres que ao persoal docente, cun poder adquisitivo dúas e tres veces maior, se lle mantén. Isto é, trabas e máis trabas para impedir a formación do persoal.

Dende a CIG-Autonómica denunciamos que a Xunta de Galiza de Feijoo avanza pasiño a pasiño cara unha elitización do ensino. Súbense taxas, elimínanse comedores, péchanse centros e dificúltase o acceso aos recursos educativos públicos. Todo isto está destinado a evitar que a clase traballadora poida ter o dereito fundamental de formarse.

Dende a CIG-Autonómica exiximos, por escrito, a depuración de responsabilidades e que se abra un expediente informativo no que se investigue ao Director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa por vulneración dos dereitos fundamentais. Demandamos tamén a igualdade de trato do persoal de administración e servizos con respecto ao persoal docente e se proceda a facilitar a matrícula gratuíta un persoal que apenas chega a soldos mileuristas.