O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de estimar a demanda presentada pola CIG contra o Decreto 218/2011, do 17 de novembro, polo que se regula a certificación galega de competencias dixitais en ofimática (DOG nº 229 do 30/11/2011). 

Este decreto foi aprobado no seu momento sen previa negociación coas organizacións sindicais, apesar de incidir directamente no "acceso, carreira, provisión, sistemas de clasificación de postos de traballo, e plans e instrumentos de planificación de recursos humanos" da Función Pública, materias que deben ser obxecto de negociación colectiva obrigatoria ao abeiro do artigo 37.1.c) do Estatuto básico do emprego público. 

Neste sentido, o artigo 4 do Decreto 218/2011, agora declarado contrario a Dereito e anulado polo TSXG, establecía que a certificación de competencias dixitais "poderase valorar como mérito ou establecer como requisito de participación nos procesos de provisión de postos de traballo ou de selección de persoal e como base obxectiva para a promoción profesional, nos termos que estableza a normativa reguladora da función pública da Xunta de Galicia".

A nulidade do artigo 4 do Decreto 218/2011 implica que a Certificación de Competencias Dixitais en Ofimática da Xunta (CÓDIX) sigue existindo, pero deberán negociarse coa representación legal dos traballadores e traballadoras os termos nos que incidiría nos concursos de traslados, nos procesos selectivos e na promoción profesional do persoal da Administración da Xunta de Galicia.

Por outro lado, rexeitamos con contundencia o contumaz xogo suxo da Xunta, que nos últimos tempos viña poñendo atrancos na participación da CIG no convenio para a homologación dos cursos de ofimática impartidos por ForGA como entidade colaboradora en materia de formación dos empregados públicos.

Curiosamente -ou non-, os impedimentos que se lle veñen poñendo á CIG no convenio para a homologación dos cursos de ofimática non foron experimentados polas demais organizacións sindicais representativas, que non presentaron recurso ante os Tribunais de Xustiza contra o Decreto 218/2011, apesar da ilegalidade palmaria do artigo 4, como vén agora a recoñecer o TSXG. 

Na sentenza, por último, o TSXG rexeita todos e cada un dos argumentos esgrimidos pola Administración en defensa da legalidade do referido artigo 4 do Decreto, impoñéndolle á Xunta as custas do proceso. Na práctica, isto significa que a cidadanía acaba pagando as custas dos despropósitos dos responsables políticos do Partido Popular na Xunta de Galicia, que defendeu nos xulgados con cartos públicos unha disposición de meridiana ilegalidade.

Sentenza do TSXG sobre o Decreto 218/2011 de competencias dixitais