A do martes 14 era a cuarta xuntanza de negociación, artigo por artigo, do terceiro borrador do anteproxecto de Lei do Emprego Público de Galiza.

A CIG vén de retirarse da mesa de negociación do anteproxecto de Lei do Emprego Público de Galiza ao non se aceptar apenas ningunha das emendas presentadas pola central sindical e ao negarse a administración a retirar o plus de altos cargos, o persoal directivo, a avaliación do desempeño, os concursos específicos, as comisións de servizo permanentes, a posibilidade de merma retributiva por avaliación negativa e o manter todos os recortes laborais e salariais para as empregadas e empregados públicos.

A CIG denunciou, en repetidas ocasións e por escrito, que esta lei é o camiño cara a baltarización da Administración Pública, favorece a corrupción, o clientelismo, deixa aos empregados/as públicos/as e a súa carreira administrativa en mans de decisións arbitrarias, favorece a privatización da Administración, crea unha casta de directivos traídos de fora, e ten por principio rector o subxectivismo, que vai condicionar todos os ámbitos da vida administrativa e laboral dos empregados/as públicos/as, dende a mobilidade a través de concursos, ata as súas retribucións.

A decisión adoptámola nesta xuntanza logo de comprobar que ningunha das nosas alegacións principiais eran admitidas. NON HAI NEGOCIACIÓN, só queren impoñer o seu modelo de Administración, con súbditos fieis en vez de con empregados/as públicos/as imparciais.