Os límites da decencia, que hai tempo que foron saltados por este goberno, quedan xa a tanta distancia de Feijoo e o seu goberno, que o pudor lles é alleo. Tanto é así, que cando a gangrena da corrupción invade todo o corpo do Partido Popular e este apodrece, non dubidan en sinalar aos empregados/as públicos/as como culpábeis. Cando xustiza e a prensa din: Paula Prado, Pachi Lucas e Feijoo, Odilo Martiñá e Operación Zeta, e un largo etcétera, o noso goberno responde: Curso de Ética Pública para empregados/as públicos/as. Igual que Nerón culpando aos cristiáns.

A Escola Galega de Administración Pública convoca para os días 27 e 28 de novembro un curso monográfico sobre ética pública e medios para previr a corrupción destinado ao persoal ao servizo da Administración galega.

E un dos ponentes estrela vai ser un dos primeiros políticos galegos condenados por prevaricación: Xosé Luís Barreiro Rivas, ex vicepresidente da Xunta con Alianza Popular, a quen o Tribunal Supremo condenou a 6 anos de inhabilitación especial para cargos públicos.Barreiro dará a charla Os compoñentes éticos, políticos e xurídicos dunha sociedade limpa, que impartirá o xoves 27 de novembro na EGAP.

Non se pon en cuestión a competencia técnica desta persoa, senón a incompatibilidade moral que produce o feito de ter sido condenado por un delito contra a Administración Pública nun dos supostos máis graves, a prevaricación, e participar de ponente nun curso sobre ética dos empregados/as públicos/as. Barreiro pode ser obxecto, pero non suxeito da charla.

Pero o autor do agravio non é o sr. Barreiro Rivas, senón o goberno do Partido da Gurtel, de Ana Mato ou da Pokemon, o goberno do partido de Feijoo, que do xeito máis insultante posible trata de poñer aos empregados públicos/as na diana para poder seguir queimando Roma mentras os/as servidores/as públicos/as son arroxados aos leóns.

Para bordar a convocatoria no DOG deste curso, só lles falta modificar a base novena no seguinte sentido ao que están afeitos:

9. Certificado de asistencia.
Ao final do curso entregaráselles un certificado de asistencia... "Y UN REGALO DE LA HOSTIA!!".