No DOG do 15 de abril publicouse a convocatoria de cinco cursos de nivel medio de linguaxe administrativa galega, catro na modalidade de teleformación e un na modalidade presencial (Santiago de Compostela) . Estes cursos están organizados pola EGAP en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística para o persoal ao servizo de distintas administracións da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os cursos darán comezo en maio e rematan en xullo co exame final. O número de prazas por curso será de 30, salvo o curso destinado a empregados públicos ao servizo da Administración autonómica de Galicia, impartido na modalidade de teleformación, que conta con tres edicións e, polo tanto, con 90 prazas.

O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da EGAP http://egap.xunta.es/matricula. É preciso estar en posesión do título Celga 4 ou equivalente. Cada persoa só poderá solicitar unha edición do curso convocado. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.