O presidente e secretaria da Xunta de Persoal funcionario da provincia de Pontevedra entrevistáronse o 22 de setembro coa secretaria territorial de Vigo. Tratáronse os seguintes asuntos:

Desfibrilador

Temos a disposición un desfibrilador que antigamente estaba ubicado no despacho do médico da mutua, no oitavo andar. A Xunta de Persoal solicitara o seu traslado á planta baixa, pero este non se colocou en lugar accesíbel, motivo da nosa queixa. A explicación que se nos trasladou é que non se ubicou porque aínda non se cumpriran os trámites burocráticos esixidos e que quedará instalado proximamente no rexistro do edificio.

Médico da mutua

Queixámonos da habitual ausencia do médico da mutua. Afirma a secretaria territorial que xa falara con Mugatra para que non ocurra máis a ausencia do médico no edificio admvo. de Vigo.

Grupos de emerxencia e primeira intervención

Lembrámoslle a necesidade de revisar os equipos de emerxencia e primeira intervención, tendo por riba en conta os inminentes cambios polo concurso de traslados de corpos xerais. Comprométese a secretaria territorial a revisalo despois da toma de posesión do concurso e farase unha xuntanza para formar de novo ás persoas que integran os grupos.

Outros asuntos tratados pola Xunta de Persoal na súa sesión do día 21 de setembro

Arquivo do edificio de Vigo

Este arquivo está saturado consecuencia da situación do arquivo histórico de Pontevedra. Esto afecta ás distintas consellerías que teñen orde de non enviar documentos. Só hai unha técnico, que non é substituída. O espurgo parece que xa está empezando a funcionar pero tardará en notarse.

A Xunta de Persoal porase en contacto coas consellerías de Presidencia e Cultura para tratar o asunto.

Solicitude de retirada de datos médicos en IT

A Xunta de Persoal enviara escrito á Administración solicitando a retirada de datos médicos nos documentos de IT que deben presentarse na empresa para xustificar o pagamento do 100% das retribucións. Ante a falta de resposta enviaramos escrito de denuncia ao Valedor do Pobo. Reiteramos a denuncia ante a inacción da Administración.

Substitucións no arquivo de Pontevedra

Insistimos nas denuncias de falta de cobertura das prazas do arquivo de Pontevedra. Porémolo en coñecemento do Valedor do Pobo.