A Resolución da EGAP, publicada o venres 17 de febreiro, exclúe da convocatoria de formación continua correspondente ao primeiro semestre do ano 2017, ou cando menos déixalles os “restos”, a todo o persoal funcionario ou laboral que presta servizos en entes instrumentais (AMTEGA, ATRIGA, IGE, etc.)

O punto 3 da base primeira da referida Resolución 17/2/2017, pola que se convocan as actividades de formación continua para o persoal ao servizo da Administración pública de Galiza indica que:

"Así mesmo, o persoal que presta servizos nas entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia enunciadas na alínea a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia e institucións públicas autonómicas, poderán acceder a todas as actividades formativas desta convocatoria en que queden prazas vacantes".

O artigo 45.a) referido da Lei 16/2010 (LOFAXGA) a que nos remite a Resolución da EGAP indica que estas entidades son as entidades públicas instrumentais: organismos autónomos, axencias públicas autonómicas, entidades públicas empresariais e consorcios autonómicos.

Con esta redacción, a EGAP dá un tratamento diferente ao persoal funcionario e laboral dependente da Dirección Xeral de Función Pública segundo o centro onde presta servizo: quen presta servizo nas distintas dependencias das consellerías e os seus centros, e quen presta servizo nas axencias, organismos autónomos, ..

A decisión de dividir a Administración xeral en entes instrumentais foi decisión política. A inmensa maioría do persoal funcionario ou laboral adscrito a algunha desas entidades, estano porque o executivo e o lexislativo así o decidiron. En ningún caso perden o vínculo con Función Pública, e á CIG resúltalle inaceptábel que agora a EGAP poña barreiras a uns máis que a outros.

Para a Directora Xeral da Escola Galega de Administración Pública, coa que xa contactou a CIG, trátase simplemente de un problema de interpretación. Para a CIG non abonda, pois o literal da norma di claramente o que aquí afirmamos, polo que esiximos unha corrección de erros.

Se os cursos che son denegados pola “interpretación” da directora da EGAP, contacta coa CIG.