Os martes 8 e 15 de maio, o persoal do centro de valoración da Discapacidade da Xunta en Pontevedra e os seus representantes sindicais, entre os que estamos as compañeiras da CIG quixemos mostrar o noso malestar pola situación laboral que está a padecer este servizo ao non poder levar un ritmo aceptable de recoñecementos e orixinar perxuicios as persoas que están a espera dunha valoración do seu grado de discapacidade.

A unidade de valoración da discapacidade de Pontevedra presenta unha acumulación  de arredor dos 10.000 expedientes para o recoñecemento da discapacidade. Esta acumulación provoca que as resolucións de recoñecemento cheguen aos tres anos dende a súa presentación a trámite.

Consideramos que a única solución viábel a dita situación é o incremento de persoal estable que traballe de xeito continuado e non por contratos temporais dunha duración de 6/9 meses, e tamén cubrir as vacantes por xubilacións pois senón as equipas están cada vez máis minguadas.

Ata o de agora as medidas tomadas pola Consellería demostraron non ser eficaces ao basearse na temporalidade do persoal contratado, intentando paliar con parches que ao final non resultan:

Primeiro, o convenio co SERGAS para que médicos do dito organismo valoren por informes e sen consulta presencial aos solicitantes, e que xa leva 6 meses en marcha, amosouse como unha medida ineficaz e custosa.

Despois, mediante o anuncio por parte do conselleiro de dotar con 6 equipas mediante un contrato temporal de máximo 9 meses e que entendemos que tampouco vai funcionar pois serán persoal sen experiencia nestes postos polo que precisaran formación e supervisión e cando estén en condicións de exercer autonomamente remataralles o contrato. Ademais isto só serviría para diminuír moi pouco os anos de espera pero sin atallar a cuestión de fondo que é que ordinariamente se xera o atraso por non haber máis equipas permanentes. Xa noutros anos executouse a mesma actuación e os resultados non foron para nada paliativos na diminución da lista de espera. Houbo que formalos na xornada de traballo e cando alcanzaban un óptimo desenvolvemento do traballo, remataba o seu contrato.

Por iso dende a CIG, ademais de esas equipas temporais, esiximos QUE SE DOTE A UNIDADE DE VALORACIÓN DA DISCAPACIDADE DE PONTEVEDRA DE DÚAS EQUIPAS MÁIS FIXAS E NON TEMPORAIS, QUE SE CUBRAN AS XUBILACIÓNS DO PERSOAL, QUE SE DOTE DE PERSOAL DE ADMINISTRACIÓN XERAL e todo isto para así realizar o traballo de xeito eficaz, reducir o atraso e impedir que se volva a producir tendo medios suficientes.

Estas demandas foron trasladadas á Consellaría de Política Social, como alegación á modificación da RPT.