A EGAP anunciounos que o venres 23 de novembro sairá publicada no DOG a convocatoria de cursos on-line para que as persoas que se presenten a promoción interna a corpos xerais poidan inscribirse e preparar o acceso aos subgrupos C2, C1, A2 e A1.

Unha vez publicado no DOG haberá sete días naturais para inscribirse. A EGAP confrontará a petición dos curso coa listaxe de admitidos de Función Pública para conceder o acceso.

Os cursos darán comezo no mes de decembro, poñendo a disposición dos interesados as leis referidas nos temarios, así como distintas probas autoevaluativas. Tamén porán a disposición do alumnado durante tres meses titores para a resolución de dúbidas.

Como ben se nos recoñeceu dende a EGAP, esta é unha reivindicación que dende fai varios anos leva a CIG poñendo enriba da mesa do Consello Reitor da EGAP.

Agora ben, a cousa chega un pouco tarde, pois segundo as bases das convocatorias a realización do primeiro exercicio non tería lugar antes dos dez meses posteriores á data da convocatoria, o que equivale a falar do día 8 de xaneiro. Así que non cadra que comecen os cursos en decembro e manteñan titorías durante tres meses. Acaso teñen xa previsto atrasar o primeiro exercicio?