A falla de persoal técnico na Oficina Agraria Comarcal de Xinzo de Limia dende hai mais dun mes provoca unha situación insostible na xa ateigada oficina agraria. Esta carencia de persoal afecta directamente a tramitación de expedientes e falta de información os interesados.

Dende a CIG demandamos unha vez máis perante a Xefatura Territorial de Ourense e a Secretaria Xeral Técnica da Consellería de Medio Rural a cobertura urxente das prazas do persoal técnicos agrícolas.

É moi grave que na comarca con máis actividade agraria da provincia non está cuberta ningunha das tres prazas existentes. A súa cobertura é urxente polo atraso e acumulación de traballo que hai hoxe.

Polo que dende a CIG esiximos unha vez máis a cobertura de prazas e se realice xa o chamamento das listas de contratación no mantemento deste servizo publico esencial.

No día de onte recibimos diferentes chamadas da Consellería de Medio Rural na que se nos informaba q se ía a proceder a cobertura dunhas das prazas de persoal técnico agrícola, esperemos que se faga con rápida dilixencia.

Así mesmo seguiremos insistindo na cobertura das 3 prazas existentes e a creación dunha máis como reforzo a esta oficina agraria. Tamén lle recordamos a xefatura territorial a necesidade do cambio da oficina comarcal que se atopa nun piso sen espazo para usuarios e persoal, uns servizos mínimos de habitabilidade e hixiene, que non está adaptado para persoas con mobilidade reducida e que presenta grandes problemas de seguridade no caso dunha evacuación: moitas veces isto parece o “camarote dos Hermanos Marx”.