Na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos que tivemos o venres 1/3/2019, o director xeral de función pública informou dunha serie de asuntos que poden ser do teu interese:

Horario de entroido. Será como en anos anteriores. O martes 5 sairase ás 14:00 horas e o mércores 6 entrarase ás 9:00 horas. Publicarano na web de Función Pública.

• Enviarán unha proposta de equivalencias de categorías de laborais a postos de funcionarios. Na semana que vén haberá unha xuntanza. Contemplan a creación dalgunha nova escala. Pretenden deixalo rematado en marzo.

• Enviarán o borrador de decreto de funcionarización a mediados da semana que vén.

• O martes 5 remitirán a Orde que regulamenta o procedemento extraordinario de acceso ao grado I da carreira profesional para funcionarios de carreira e persoal laboral fixo que se comprometa a funcionarizarse. Na semana do 11 de marzo pretenden levalo a Mesa Xeeral e Comisión de Persoal. Sen ser datos pechados, di o DXFP que máis do 95 % dos funcionarios e máis do 60 % dos laborais fixos cumpren os requisitos. O cumprimento dos requisitos serán comunicados aos traballadores/as para a súa validación a través do Portax. Aclara FP que o persoal laboral que non se funcionarize porque a administración non o contempla, cobrará un complemento equivalente ao importe da carreira profesional. O DXFP manifesta que o persoal laboral que supere o proceso de funcionarización consolidará os importes da carreira profesional e o que non o supere non os consolidará.

• CIG volve preguntar polas preguntas da promoción interna de persoal camareiro/limpador sacadas do temario dunha academia de oposicións. O DXFP dá a entender que non é un proceder correcto por parte do tribunal, pero remítenos aos resultados para falar...

Proceso biólogos de 2014: CIG denuncia a tardanza na resolución deste proceso. FP di que na semana que vén enviarán ás OOSS a proposta de prazas para elección de destino.

• Aplicación do V Convenio ao persoal laboral indefinido da Fundación Cidade da Cultura: o DXFP aínda non o mirou.

• Solicitamos unha aclaración a respecto da funcionarización no posto de orixe ou no de adscrición. O DXFP remítese á proposta de decreto de funcionarización que enviarán proximamente, pero dá a entender que será no posto ocupado no momento da resolución.

• Denunciamos de novo o oscurantismo da comisión de seguimento do acordo de concertación social.

• CIG pregunta pola oposicións de veterinarios: están coa baremación, contan telo rematado en marzo-abril. Preguntamos tamén polo concurso de veterinarios, o DXFP remítenos ao mes de abril.

OEP 2019: na semana do 11 de marzo.

RPT Consorcio: enviada ás OOSS con prazo de alegacións ata o 15/03/2019.