O 11 de abril de 2019 hai eleccións sindicais para que escollas os teus representantes nas xuntas de persoal funcionario. Se non estás ou prevés estar fora eses días solicita xa o voto por correo:

1. Solicitude do voto por correo:

Tes que solicitalo por carta certificada dirixida á mesa xeral coordinadora acreditando debidamente a túa identidade na oficina de correos (leva o DNI). Leva o sobre aberto para que o funcionario de correos che date e sele a solicitude. O prazo máximo para a súa recepción pola mesa é o 3 de abril (5 dias antes) así que podes solicitalo xa.

2 . Exercicio do voto por correo:

Recibirás por parte da mesa unha carta coas papeletas e dous sobres. No sobre pequeno introduce o teu voto (papeleta que escollas) e no sobre de tamaño maior tes que introducir o sobre pequeno pechado e unha fotocopia do teu documento nacional de identidade.

Voltas a correos co sobre grande aberto para que che selen a copia do documento de identidade e envías de novo por correo certificado á mesa xeral coordinadora.

O Real decreto 1846/1994, do 9 de setembro, polo que se aproba o regulamento de eleccións aos órganos de representación do persoal,  di que se o funcionario/a que optara polo voto por correo, se atopase presente o día da elección e decidise votar persoalmente, manifestarao así ante a mesa, a cal, a que despois de emitido o voto, procederá a entregarlle o que houbese enviado por correo.

Para as eleccións sindicais á Xunta de Persoal en Ourense aínda non temos mesas no Barco, en Verín nin itinerantes polos centros de traballo da provincia polo que, a espera da decisión xudicial, animámoste a que solicites o voto por correo para garantir o teu dereito ao voto. Pide o tícket do importe dos gastos do envío certificado para logo reclamarlle a administración.