Despois de insistir con este tema durante moito tempo, despois de varias asambleas, mobilizacións de todo tipo, e despois de que levemos anos como un martelo pilón no Comité do Seguridade e Saúde do edificio de Pontevedra parece que algunha medida se vai poñer en práctica.

Na reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral do edificio celebrado o xoves 4 de abril, a Administración comunicounos que xa están adxudicadas as obras de colocación dos parasois exteriores da fachada sur do edificio.

O contrato asinouse o pasado 29 de marzo, e conta cun prazo de execución de 14 semanas, estando previsto o inicio das obras para despois de Semana Santa. É dicir, comezan as obras antes das Eleccións Xerais e se prolongan ata pasadas as Municipais,(para que tomemos nota de que están traballando arreo por nós).

Ademais este contrato inclúe tamén a colocación dunha caldeira de pellets para acadar unha mellor climatización das instalacións de todo o edificio e un maior aforro enerxético.

O que lle preguntamos á Administración é, si a solución era tan doada, por que tardaron tanto en atender as nosas demandas e agora nos dan a razón ao que antes dicían que “era imposible”?

Celebramos que por fin se poña en marcha un sistema, que polo menos modere as temperaturas, pero tamén imos estar pendentes de si realmente funciona ou non, e a maiores si esta é a solución definitiva.