A CIG é a alternativa que temos o persoal funcionario para recuperar dereitos. Fronte a isto están os sindicatos que pactando malos acordos, impediron conseguir un cadro de melloras aceptable.

  • NON quixeron que as nosas retribucións subisen, polo menos, conforme ao IPC. E estableceron unha porcentaxe fixa por debaixo do IPC e outra vinculada ao crecemento do PIB, ámbalas dúas foron absorbidas no 2018 pola inflación.

 

  • NON quixeron que a xornada de 35 horas fora recoñecida por lei. Acordaron que cada Administración a fixaría a súa, e iso significa que nunha Administración "dura" como a Xunta de Galiza vai ser difícil conseguila.

 

  • NON quixeron que o número de anos para aqueles que entren nos graos extraordinarios I e II da carreira profesional fose de 4 anos como no SERGAS. Os grupos altos tardarán 7 anos en facelo e os baixos 5, polo que todos cobraremos peores importes que no SERGAS.

 

  • NON quixeron que os persoal interino entrase no sistema extraordinario de carreira profesional por moitos anos de servizos que acumulasen. O que supón unha perda de ingresos respecto ao resto de compañeiros/as.

 

  • NON quixeron que o complemento por incapacidade temporal se recuperase por lei, tal e como nos foi quitado. Ao deixalo ao albedrío dun acordo este recuperouse na Xunta seis meses máis tarde que no Estado e co condicionante de que o que se vai cobrar por IT non son as retribucións que correspondan cada mes senón as do mes anterior á baixa durante toda a IT.

 

  • NON quixeron plantarse ante o ritmo marcado por Función Pública e deron por válida a ausencia de concursos de traslados, en corpos xerais, escalas e especiais. O ritmo marcado por F.P. dende metade do 2018, abrindo continuamente novos asuntos sen pechar os anteriores, foi a desculpa para non sacar os concursos de corpos e escalas, bloqueados dende o primeiro borrador en xuño do 2017.

 

  • NON quixeron unha promoción interna mellor. Non queren que sexa masiva, nin sequera pactaron co goberno que chegase ao 50% do total da oferta pública. Tampouco quixeron acordar unha importante simplificación. No borrador da OEP de 2019, só 263 das 2.653 son para promoción interna de persoal funcionario de Administración xeral e especial.

 

Realmente, quen son os sindicatos do NON?

  • SI a recuperar dereitos
  • SI aos concursos anuais e áxiles
  • SI a unha promoción interna real
  • SI a subas salariais por riba do IPC
  • SI a unha carreira profesional inclusiva e con prazos reducidos
  • SI a unha xornada de 35 horas
  • SI a un cadro de permisos e licenzas do século XXI